O PSOE de Sanxenxo denuncia a supresión de prazas de carga e descarga no Mercado de Portonovo

Dende o Concello explicaron que o tema xa foi abordado cos praceiros
A actuación na zona. DS
photo_camera A actuación na zona. DS

O grupo socialista de Sanxenxo denunciou que "o PP vai a deixar sen carga e descarga a Carretera da Lanzada ao seu paso polo Mercado de Portonovo". A portavoz socialista, Ainhoa Fervenza asegurou que "Telmo Martín vai deixar aos 27 comercios do mercado sen espazo para carga e descarga, o que unido a súa idea de deixar sen aparcamento toda esa zona, vai facer que quede deserto o mercado". Para Fervenza, "o alcalde está botando balóns fóra con este tema, xa que segundo el, as xardineiras que están poñendo no lugar de carga e descarga non se poden quitar pola Deputación, pero en realidade o proxecto é da Xunta de Galicia, entón como pode ser tal cousa?", pregunta. 

Segundo Fervenza "todo isto débese a que o señor Martín fai as cousas como veñen, sen planificar o máis mínimo e sen pensar nas consecuencias dos proxectos. Non lle bastaba con deixar sen aparcamento aos usuarios que agora deixa practicamente sen espazo aos comercios do mercado para cargar e descargar a mercadoría". Para Ainhoa Fervenza "o alcalde segue a demostrar o pouco que pensa na veciñanza, tomando decisións que non benefician aos comercios e mentíndolles na cara. Ao final, si que vai parecer que o alcalde ten unha vendetta con Portonovo, porque está levando a vila á completa ruína”, dixo.

Pola súa parte, dende o Goberno local explicaron que o alcalde, Telmo Martín, xa se reuniu cos praceiros do Mercado para abordar o tema.