O PSOE de Sanxenxo acusa a Martín de "botar balóns fóra coa Atención Primaria"

Ainhoa Fervenza califica como "nefasta" a medida para levar médicos a Sanxenxo
A voceira do PSdeG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE
photo_camera Ainhoa Fervenza. DAVID FREIRE

O Grupo socialista de Sanxenxo pronunciouse ao respecto dunha publicación do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, nas redes sociais, na que, segundo o PSOE "botaba toda a culpa ao Estado" ante a problemática da Atención Primaria. Así, os socialistas calificaron de “incomprensible a falta de autocrítica por parte de Telmo Martín, botando balóns fóra para culpar ao Estado pola situación da atención primaria en Galicia, e en especial en Sanxenxo, cando as competencias en materia de sanidade foron transferidas a Galicia dende fai moito tempo”.

Dende a agrupación socialista aseguraron que a publicación en redes "non é máis que un mecanismo do alcalde para protexerse do aluvión de críticas polo estado do centro de saúde de Baltar, onde seguen sen contar cun pediatra dende o verán e os tempos de espera seguen aumentando".

No que respecta á medida para facilitar vivendas para atraer médicos a Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, valorou que “a medida tomada polo goberno de Sanxenxo non foi ningún éxito, ao contrario, tiñan contado con catro vivendas para os tres meses do verán, o que serían 12 meses de aluguer, e tan só se alugaron dous pisos, un no mes de xullo e outro en xullo e agosto, o que nos deixa a cifra de tres meses de aluguer. Con estes datos na man, non sei como non se lle cae a cara de vergoña a Telmo Martín ao sacar rédito da medida tan nefasta coa que contaba para paliar as necesidades do centro de saúde”.