O PSOE inaugura na Sala Nauta o seu programa de charlas 'Sanxenxo en clave de Re'

A primeira das sesións contou coa presenza da deputada socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego
Unha das charlas impulsadas polo PSOE no marco destas xornadas. DS
photo_camera A charla, que tivo lugar na Sala Nauta, gozou dun éxito de asistencia entre os militantes. DS

A voceira do PSdeG-PSOE de Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, presentou esta semana na Sala Nauta as charlas 'Sanxenxo en clave de RE', onde explicou que "a música que ten que soar en Sanxenxo ten que ser en clave de Re: restaurar, restablecer, repoñer e rehabilitar".

A primeira das sesións contou coa presenza da deputada socialista no Parlamento de Galicia, Leticia Gallego, e tratou do valor do patrimonio no turismo. A deputada socialista falou acerca do tipo de turismo que ten que prevalecer hoxe en día, que "é o turismo sostible, que se basea en xerar
o mínimo impacto no medio ambiente e nas culturas locais". Para a deputada, é necesario un turismo "respectuoso co patrimonio cultural e natural, sen masificar".

Ainhoa Fervenza. pola súa banda, considera que “en Sanxenxo, o Goberno local non aposta por un turismo sostible, que non dependa soamente do sol e praia. Hai que darlle á xente máis opcións que ir á praia, e para iso, Sanxenxo conta cun patrimonio cultural e natural inmenso, como a Ermida da Lanzada ou o Pazo de Quintáns”.

Fervenza afirmou que “o futuro do noso turismo pasa pola sostibilidade e por ser capaces de superar a estacionalidade do verán, con lugares de interese como a Casa de Maruxa en Portonovo, unha redeira que ensinará aos visitantes como viviamos e como se conxugaba a labranza co mar, ou o Pazo de Quintáns, como centro espiritual onde se conten as nosas lendas, de meigas e meigallos, potenciando así, a nosa imaxe de turismo de calidade”, destacou.