Os programadores do futuro están no CEIP Plurilingüe a Florida de Sanxenxo

A través da robótica, os nenos e nenas adquiren competencias transversais coma a lingua, as matemáticas e incluso sobre a natureza
Programación con Ozobot. DS
photo_camera Programación con Ozobot. DS

Non superan os 11 anos de idade e xa poden presumir de saber como facer que un robot bote a andar e cumpra as súas ordes. Os cativos e cativas de Educación Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º ciclo do CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo están a converterse en todos uns expertos en robótica, unha das asignaturas de libre configuración á que pode optar no centro o alumnado de 4º e coa que, en palabras do seu director, Pedro Solla, xa adquiriron destrezas que son para "alucinar co que fan estes rapaces".

Pero, no cole da Florida a robótica é algo que os cativos teñen presente tamén en moitas das actividades educativas. Neste sentido, ademais, esta disciplina está incluída nun proxecto curricular, e o centro tamén conta con obradoiros de robótica dende a Educación Infantil, con "actividades e robots diferentes para todas as idades".

Así, mentres que en infantil utilizan o Beebot, en 1º e 2º contan co Ozobot e en 3º co mBoot. De feito, xa o pasado curso, os cativos realizaron o circuito da pista principal de educación vial a través do robot.

E, de feito, non só se trata de aprender a usar robots, senón que as competencias adquiridas son transversais. "Aprenden matemáticas e lingua e, no caso do 4º ciclo, por exemplo, tamén Naturais, xa que desenvolveron o deseño dunha formiga robot e traballaron os invertebrados", asegura o director. Científicos ou amantes da natureza, o futuro está asegurado.