A prevención da violencia machista chega ás escolas de Sanxenxo

▶ O programa impulsado polas concellerías de Educación e Cultura de Sanxenxo aborda as relacións afectivo sexuais
As edís Paz Lago e Nati Parada visitaron onte o CEIP A Florida. DS
photo_camera As edís Paz Lago e Nati Parada visitaron onte o CEIP A Florida. DS

A nova programación impulsada polas concellerías de Educación e Cultura de Sanxenxo, baixo o paraugas dunha nova imaxe institucional co lema Sanxenxo. Concello libre de violencias machistas, vén de aterrar nas escolas do municipio. Así, o proxecto Relacións afectivo sexuais saudables para a prevención das violencias machistas, un imprescindible en materia de prevención cada ano nos centros escolares, abordouse este martes no CEIP Plurilingüe A Florida, que durante a mañá recibiu a visita das edís Nati Parada e Paz Lago, que estiveron acompañadas polo director do centro, Pedro Padín Solla.

Os participantes nesta formación son alumnos e alumnas de 6º de Primaria e 2º da ESO que, tal e como fixo onte o alumnado do CEIP, asiste a talleres de 50 minutos que abordan a etapa da adolescencia coma o comezo das relacións afectivo sexuais, traballando, segundo o plan establecido polo Concello, a través da coeducación. Neste sentido, durante a sesión tratouse a educación neste ámbito, que adoita proceder de fontes non axeitadas, polo que o traballo de xeito directo con profesionais supervisados polo CIM é un recurso educacional que o Goberno local pon no centro.

O proxecto está dividido en varias accións, cada unha con diversas actividades nas que, ademáis do alumnado de A Florida, tamén particopan O Cruceiro de Vilalonga, Magaláns, Nantes, O Telleiro, IES Sanxenxo, IES Vilalonga, CEIP Portonovo e o Colexio Plurilingüe Abrente. 

A formación está pensada en catro sesións nas que se traballan as relacións en igualdade, os estereotipos, e todo tipo de roles e crenzas, ademais de contar con dúas sesións familiares para abordar posibles dúbidas, e nas que se presentarán as conclusións dos talleres escolares ao seu remate. 

A actividade, subvencionada pola Deputación de Pontevedra, marca o comezo da programación de cara á conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero (25-N) en Sanxenxo.