Portonovo, Sanxenxo e Nantes estrean tres humanizacións por 1,4 millóns

Telmo Martín e os deputados Gregorio Agís e Santos Héctor visitaron a contorna do colexio de Portonovo e o centro de Sanxenxo, que contaron con achegas de Deporemse e Plan Concellos
Visita á humanización da contorna do colexio e mercado de Portonovo. Javier Cervera-Mercadillo
photo_camera Visita á humanización da contorna do colexio e mercado de Portonovo. Javier Cervera-Mercadillo

A reurbanización da contorna do colexio de Portonovo, a recuperación de varias rúas nas inmediacións da Casa Consistorial en Sanxenxo e a pavimentación do vial entre Vinquiño e Contumil, en Nantes, son tres actuacións que veñen de transformar tres núcleos do municipio, cuxo investimento acadou os 1.458.590 euros en total, con 1,1 millóns aportados pola Deputación de Pontevedra, e que dan un pulo ao municipio en materia de "recuperación de espazo público, entornos peonís, accesibilidade e sostibilidade", que pon a Sanxenxo "á vangarda deste tipo de actuacións", tal e como destacou o deputado Gregorio Agís, que visitou este martes o resultado destes proxectos acompañado polo alcalde, Telmo Martín, xunto ao deputado Santos Héctor, os edís do Goberno María Deza, Jaime Leiro e Juan Deza, e os edís do BNG e de SAL, Francisco Leiro e Yago Torres.

A actuación en Portonovo, a máis ambiciosa das tres, serviu para mellorar a contorna do colexio e do mercado, con 500.000 euros do Plan Deporemse e 333.600 euros de fondos municipais. Deste xeito, tal e como indicaron Martín e Agís durante a visita, actuouse na rúa e na travesía Areal, así como na rúa do Espiñeiro, cambiando as antigas e estreitas beirarrúas por espazos peonís máis amplos, con novo mobiliario urbano e árbores. Ao redor do mercado o tráfico quedou resolto cun carril único pavimentado en lastro, e integrouse o aparcamento mediante unha celosía de lousa-xardín, ademais de renovar o abastecemento, saneamento e iluminación, con tecnoloxía led, e telecomunicacións.

Na rúa Unión e as súas transversais, en Sanxenxo (337.713 euros do Plan Concellos, renovouse o saneamento, instalouse iluminación led e novo mobiliario para acompañar á reparación das escaleiras e á nova pavimentación en pedra, acadando máis accesibilidade, mentres que a pavimentación da pista Vinquiño-Contumil (287.277 euros do Plan Concellos) permitiu transformala nun viario de oito metros cunha senda de dous metros de ancho, novo mobiliario e saneamento.

Cara o futuro
Poio e Sanxenxo, da man
Tanto Telmo Martín coma Gregorio Agís mostraron a súa vontade de continuar colaborando en "futuros proxectos", tal e como destacou o alcalde de Sanxenxo, que agradeceu o apoio da Deputación para poder levar a cabo as actuacións presentados polo Concello, asegurando que "debemos colaborar entre nós sen importar as cores políticas", e máis tendo en conta a veciñanza co municipio de Poio, do que Agís é edil de Urbanismo e Promoción Económica. Cabe lembrar que ambos concellos continúan avanzando no plan para reformar a depuradora de Paxariñas e varios bombeos e colectores, co obxectivo de que a depuradora dea servizo a ambos municipios, a través dun convenio con Acuaes, sobre o que se agarda que estea materializado en 2024. Para Agís, coa vista posta no futuro, "a nosa ambición sería conectar o frente costeiro con Sanxenxo".