Premio Cebola de Ouro 2022

Pilar Leiro: "Había xente que me quedaba a deber, eu nunca llo reclamei"

La vecina de Padriñán y propietaria del histórico ultramarinos que llevaba su nombre recibirá mañana el Premio Cebola de Ouro.

Pilar Leiro na súa casa de Padriñán. GONZALO GARCÍA
photo_camera Pilar Leiro na súa casa de Padriñán. GONZALO GARCÍA

Cara 1968, "máis ou menos á par que abriu Froiz", Pilar Leiro (1929) inaugurou a tenda de ultramarinos en Padriñán que levou o seu nome ata que se xubilou na década dos 90. Dende ela, nunca lle tremeu a man para axudar aos veciños e veciñas máis necesitados, durante toda unha vida de traballo que, durante a entrega dos premios Cebola de Ouro 2022 deste domingo, por fin se lle recoñecerá públicamente. Sen embargo, do seu carácter humano e loitador xa dan boa fe aqueles que a coñecen coma a súa nora e inseparable compañeira Amalia quen, emocionada, lembra que tamén "foi moi boa nai para os fillos".

Que sentiu cando soubo que ía recibir a Cebola de Ouro?
Sentinme sorprendida. Cando veu o alcalde a dicirmo respondinlle que se a Cebola é de ouro non sei se poderei con ela (risas).

Como xurdiu o de abrir a tenda?
Abrina polo meu marido, que estaba enfermo da médula e prexubilárono con 40 e pico de anos, para que el puidera traballar alí. Tiñamos catro fillos, e eu traballaba cosendo polas casas dos máis ricos, levaba a máquina de coser na cabeza, e logo botaba unha man na tenda, levabamola os dous. Estiven así moitos anos, tardei moito en xubilarme porque tiña que cotizar. Eu estaba dada de alta na Agraria e o meu marido tiña unha pequena paga.

Este premio danllo, sobre todo, por ser boa persoa. Sei que axudou a moita xente...
Eran tempos difíciles. Había moita xente que viña mercar pero que me quedaba a deber, e eu nunca llo reclamei. Dábanme pena as persoas que non tiñan para comer. Eu podíame arranxar sen iso, e algúns pagábanme cando podían. Por aquí todo o mundo tiña moitos fillos e poucos salarios. Algunhas mulleres tiñan ao marido a navegar e nin sequera se lembraban de mandarlles o mes de navegación, e tiñan que andar a limpar polas casas para gañar uns cartos e manter aos fillos. Pasárono moi mal, e entón eu sempre lles axudaba con algo. Tampouco me podía desprender do que tiña porque quedaba sen nada, pero sempre lle arrimaba algo cando viñan á tenda.

E ademais sabía facer de todo...
Moito traballei! Chamábanme multiusos: mataba porcos, capábaos e tamén sabía poñer inxeccións. Unha tempada ía poñerlle unha inxección a un veciño cada dúas horas á súa casa, día e noite. Aínda teño o aparato. Puxen miles de inxeccións.

Moito traballei! Chamábanme 'multiusos': mataba porcos, capábaos e tamén sabía poñer inxeccións

E como aprendeu iso?
Mirando ao practicante. Cando vexo a unha persoa facer unha cousa xa me queda na cabeza. E sempre me gustou moito debuxar e ler. Calquera cousa que tivera letras eu líaa. Lin moitos libros, polas noites e cando me xubilei, e de ler apréndese.