Descartan trasladar pezas da escavación da Lanzada ao Pazo de Quintáns

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Telmo Martín, coincidiron na idoneidade de que permanezan xuntas no Museo de Pontevedra, adicando Quintáns a un museo gastronómico das Rías Baixas
O enclave, que alberga numerosos espazos expositivos no seu interior, estará adicado a un museo gastronómico das Rías Baixas. JAVIER CEVERA-MERCADILLO/ARQUIVO
photo_camera O enclave, que alberga numerosos espazos expositivos no seu interior, estará adicado a un museo gastronómico das Rías Baixas. JAVIER CEVERA-MERCADILLO/ARQUIVO

As pezas arqueolóxicas da escavación da Lanzada permanecerán de xeito conxunto no Museo de Pontevedra. Así o explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, onte dende o Pazo de Quintáns, descartando definitivamente a posibilidade de que unha parte deses elementos se trasladen ás dependencias do pazo. Trátase dunha opción que a administración local barallara de xeito anterior ao establecemento do Plan Director que rexerá os usos do espazo ubicado en Noalla, e que pasa por convertelo nun museo gastronómico das Rías Baixas. 

Tanto o alcalde, Telmo Martín, como a presidenta da Deputación, coincidiron na idoneidade de conservar as pezas da exposición xuntas, e destacaron positivamente o futuro uso arredor da cultura gastronómica que se aplicará en Quintáns. "Como pasa en todos os museos do mundo, ter pezas nun único espazo permite ter a conciencia do enorme valor que temos en patrimonio arqueolóxico. En todo caso, se en calquera momento se solicita por calquera concello ter algunha exposición, a Deputación está disposta a facelo cumprindo coas normas, as leis e o coidado exquisito", manifestou Silva, quen sinalou o exemplo de Lalín. "Agora estamos cun proxecto moi ambicioso para ampliar o Museo de Pontevedra co convento de Santa Clara, e polo tanto vai haber un espazo expositivo para todos eses achados de pezas aqueolóxicas a disposición de toda Pontevedra e de toda Galicia", lembrou.

No que respecta ao Pazo de Quintáns, o Concello anunciou recentemente unha segunda fase que inclúe un espazo gastronómico, valorada en dous millóns de euros, e que se atopa pendente dos permisos de Patrimonio para acometer a obra entre 2023 e 2024, segundo explicou o alcalde.