As pandeiretas artesanais conquistan Nantes da man da Asociación Andarela e Sanín Percusión

O colectivo organiza este domingo un novo roteiro por Chan da Gorita de balde
Os e as participantes no obradoiro de pandeireta a cargo de Sanín. DS
photo_camera Os e as participantes no obradoiro de pandeireta a cargo de Sanín. DS

A artesanía tradicional está máis de actualidade ca  nunca, e iso é algo que, da man de Sanín Percusión Tradicional, puido demostrar a Asociación Cultural Andarela durante o obradoiro impartido esta fin de semana no local de Regantes, en Nantes, nunha cita que os e as asistentes xulgaron como "moi interesante", e na que todos eles puideron elaborar a man as súas propias pandeiretas.

A actividade, que xa dende o principio gozou dun alto interese entre a veciñanza, levouse a cabo con máis dunha quincena de participantes, que ocuparon as prazas ofertadas, e que aprenderon técnicas para a montaxe do parche de coiro sobre o arco de madeira e a colocación das ferreñas, ao uso tradicional de Sanín Percusión.

Esta actividade entra dentro da programación que a asociación realiza ao longo do ano, entre obradoiros e roteiros. Precisamente, a vindeira cita está prevista para este domingo, e consiste nunha nova edición dos roteiros por Chan da Gorita, de balde, e con punto de encontro ás 10.00 horas no cruce do punto limpo de Padriñán.