Nauta inicia unha nova achega de area nas praias de Carabuxeira e Lavapanos

A empresa recibiu este venres o último permiso de Costas para sumar 5.000 metros cúbicos aos perfís dos areais

Perfil da Carabuxeira cos tubos xeotextís ao fondo. DP
photo_camera Perfil da Carabuxeira cos tubos xeotextís ao fondo. DP

Carabuxeira Lavapanos poderán lucir perfil esta tempada cunha nova achega de area de 5.000 metros cúbicos, cuxos traballos comezarán este mesmo luns pola mañá, e que servirán para paliar o árido que, dende a última achega de 10.000 metros cúbicos, xa perdeu a praia debido ao arrastre das mareas, derivado da problemática da construción do espigón do porto deportivo.

A empresa municipal Nauta Sanxenxo recibiu durante a mañá de este venres o último permiso pendente para poder acometer as achegas de árido solicitados, a través dun operativo que levará a cabo a empresa Marcor Xove, e que se alongará ata o venres.

Os prazos para acometer os traballos están estratexicamente marcados en función da idoneidade das mareas, e estarán sufragados pola empresa municipal Nauta, cun custo de 50.000 euros. Neste sentido, o 'modus operandi' consistirán en recolocar a area xa existente que se atopa nos frontais de ambas praias.

O comezo dos traballos de rexeneración e mantemento en ambos areais está precedido polo permiso de Costas, así como dos informes favorables da Autoridade Portuaria de Marín, Capitanía Marítima, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Pola súa banda, o alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Planificación Territorial e Infraestruturas, María Deza, visitaron durante a mañá de este venres ambas praias cos operarios da empresa que acometerá os traballos de mantemento.

Dita entidade, Marcor Xove, é a mesma que xa se encargou do dragado e colocación dos diques xeotextís o pasado ano, no marco dos traballos de rexeneración de A Carabuxeira, á que se achegaron os 10.000 metros cúbicos de árido. Cabe sinalar que, nesta ocasión, os traballos beneficiarán a ambas praias, Carabuxeira e Lavapanos, que limitan entre sí, e que están afectadas polo mesmo problema de perda de area.

CRONOLOXÍA. A actuación que se levará a cabo a partir do luns comezará pola praia da Carabuxeira, e desenvolverase neste emprazamento o luns e o martes, e continuará en Lavapanos o mércores, xoves e venres.

Os traballos realizaranse mediante dúas retroexcavadoras de 18 e 8 toneladas e catro dumpers, aproveitando a marea baixa. Neste sentido, durante o tempo que duren as tarefas de rexeneración e mantemento en cada praia non se permitirá o acceso ás mesmas por motivos de seguridade.

Fase final. Mentres se levan a cabo estes traballos, que contribúen a manter temporalmente os perfís das praias, ata que as mareas volven desprazar o árido, continúa en tramitación a fase final do proxecto de rexeneración definitivo da Carabuxeira e Lavapanos, que contempla a construción dun espigón de rampa en sentido perpendicular ao litoral, e que se executará unindo as rochas existentes, con case 100 metros de longo por 2,34 de ancho. O futuro espigón constitúe, hoxe en día, a solución definitiva para evitar a perda de area que a instalación dos tubos xeotextís non conseguiu erradicar, se ben estaban contemplados, xa dende o primeiro momento como unha solución provisional.