Nantes estrea o pavillón municipal, que dará cobertura ao CEIP e tres clubs

▶ O Goberno local contempla, de cara ao futuro, dotar as instalacións dunhas gradas no lateral dos vestiarios, cunha fase a maiores
Representantes do Goberno local, do CEIP de Nantes e da Comunidade de Montes, no pavillón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Representantes do Goberno local, do CEIP de Nantes e da Comunidade de Montes, no pavillón. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O pavillón municipal de Nantes xa é unha realidade, e os encargados de comprobalo de primeira man foron, precisamente, arredor dun cento de alumnos e alumnas que forman o CEIP Plurilingüe de Nantes, que utilizarán as instalacións de xeito exclusivo durante as xornadas lectivas en horario de mañá. Polas tardes, tal e como aclarou o edil de Deportes, Daniel Arosa, as xornadas repartiranse entre tres clubs: o C.B. Baltar, A.X. Saraiba do Mar e Sanxenxo Balonmán, ademais das actividades organizadas pola ANPA do centro educativo.

Precisamente, a reforma que o Concello está a levar a cabo no pavillón de Baltar (Portonovo) mantén actualmente unha alta demanda de espazo por parte dos clubs deportivos do municipio, polo que a estrea do pavillón de Nantes chega a punto para aliviar esa necesidade. 

A segunda fase da obra das instalacións de Nantes foi, en palabras do alcalde, Telmo Martín, quen presentou este mércores o resultado final acompañado da tenente de alcalde, María Deza, o edil de Deportes e as edís de Cultura e Educación e de Urbanismo, Paz Lago e Flavia Besada, a máis custosa en todos os sentidos. No que respecta ao aspecto técnico, tratouse de dar continuidade á primeira fase de levantamento da estrutura, coa construción da pista propiamente dita e a cuberta, tras a que, nesta segunda fase, procedeuse a pechar o espazo e a construir uns vestiarios e zona de almacenaxe no seu interior. No que respecta ao aspecto económico, sinalou Martín, dita fase era "a máis complicada pola cantidade económica que supón, un total de 300.000 euros, todo con fondos propios por parte do Concello, aos que hai que sumar arredor de 200.000 euros que se aportaron a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra durante a primeira fase".

O alumnado do colexio estreou as instalacións co alcalde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O alumnado do colexio estreou as instalacións co alcalde. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A maiores, tal e como explicou o alcalde, o Goberno local contempla dotar ás instalacións dunha sección de gradas no lateral dos vestiarios nunha fase futura, para completar a súa usabilidade. "Será unha obra máis sinxela, pero que se poderá facer de cara ao futuro, xa que tamén é unha necesidade da que nos decatamos", indicou Martín.

A construción do pavillón foi posible, tal e como lembrou o alcalde, grazas á cesión dos terreos por parte da Comunidade de Montes, en representación da cal, o presidente Manuel Otero, agradeceu o investimento realizado a favor da veciñanza para sacar adiante esta infraestrutura e destacou "a vontade" de levar a cabo o proxecto por parte dos colectivos implicados. Ademais, o alcalde tamén quixo destacar a dedicación por parte da ANPA e da dirección do colexio, "que colaboraron dende o minuto un para que isto fora unha realidade, a raíz dunha demanda feita por todos", dixo.

Nesta liña, tanto a directora do centro, Elena Ponte, como a actual presidenta da ANPA, Sandra Viñas, quixeron agradecer tamén ás institucións a culminación do proxecto que, segundo a directora, "levabamos moito tempo demandando, porque no noso centro só tiñamos unha pista descuberta e un ximnasio moi pequeno, tendo en conta a cantidade de alumnado que temos. Imos a usar moito este pavillón e a gozar del", sinalou. Pola súa banda, Viñas quixo poñer en valor o traballo realizado pola directiva anterior da ANPA e tamén por parte da dirección do centro, que "comezaron este proxecto" que xulgou necesario, xa que "os nenos do cole de Nantes eran os únicos que carecían de pavillón".

A área adicada aos vestiarios, onde se instalarán as gradas nunha fase futura. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A área adicada aos vestiarios, onde se instalarán as gradas nunha fase futura. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

EPICENTRO DEPORTIVO. As inmediacións do CEIP de Nantes, tal e como sinalou o alcalde, están "chamadas a ser a zona máis importante a nivel deportivo no concello de Sanxenxo, e tamén a nivel cultural". Neste sentido, ademais da estrea do pavillón, a zona conta tamén cunhas pistas de tenis nunha ampla extensión "de máis de 25 hectáreas" e cunha "moi boa ubicación".

Por este motivo, o alcalde tamén quixo poñer en valor a execución da obra "dende a estrada da Deputación que vai a Nantes, ata a rotonda da entrada á autovía do Salnés", que nestes momentos xa se atopan comunicadas por un vial completamente renovado, e que pasa polas inmediacións deste equipamento deportivo.

Cabe lembrar que, no que se refire a novo equipamento, o Concello anunciou recentemente a construción dos que serán os dous primeiros campos de petanca de Sanxenxo nun terreo de titularidade municipal situado en A Cachada (Nantes) e que, tal e como confirmou o alcalde, prevese que estén construidas antes de Nadal. "Neste mes adxudicaranse as obras, e executalas será fácil", estimou. A Maiores, no entorno do CEIP atópase xa un campo de billarda, construido polo Concello a finais de 2020 nun terreo comunal.

Reestruturación:
Haberá unha sede para cada club tras a obra de Baltar
A futura culminación das obras do pavillón de Baltar, que está prevista entrado o ano 2023, suporá unha reestruturación no que respecta ás sedes dos clubs sanxenxinos. Tal e como explicou o edil de Deportes, Daniel Arosa, a intención é que, unha vez que se poida dispoñer da infraestrutura en Baltar, unida á de Nantes, o pavillón de Nantes pase a ser a sede do C.B. Baltar, adicado ao baloncesto, mentres que as instalacións de Vilalonga destinaranse ao Sanxenxo Balonmán. Así, o pavillón de Baltar, acollerá as sedes de voleibol e de fútbol sala, pasando a contar case cunha sede para cada colectivo.