Música, xogos, mercado e un muro dos desexos para vivir o Nadal na Rúa dos Viños

▶ O colectivo dá o pistoletazo de saída á súa programación o vindeiro 7 de decembro, con actividades ata xaneiro
Os duendes da Rúa dos Viños levarán as cartas a Papa Noel á Casa Mariñeira, e todas entrarán nun sorteo. DS
photo_camera Os duendes da Rúa dos Viños levarán as cartas a Papa Noel á Casa Mariñeira, e todas entrarán nun sorteo. DS

A Asociación da Rúa dos Viños de Portonovo dará o vindeiro mércores 7 de decembro o pistoletazo de saída a todo un extenso programa de actividades para festexar o Nadal, no que a música, os xogos, un mercado e ata un muro dos desexos terán cabida.

As actividades comezarán coa inauguración do mercado artesán de Nadal, no que participarán La Gata de la Cueva, Enxebre, A las mil maravillas e Moni Crochet, e que estará activo dende as 12.00 ata as 22.00 do 7 ao 11 de decembro. Ás 18.00 horas haberá obradoiros infantís (previa inscrición no 625 936 188) e, a partir das 19.00 horas terá lugar a inauguración do Nadal na rúa, na praza de Méndez Núñez, con aperitivo para os asistentes.

Durante as primeiras semanas e ata o día 23 de decembro tamén se recollerán as cartas a Papá Noel que os duendes da asociación entregarán a Papá Noel o día 24 na Casa Mariñeira. E, ademais, entre todas elas sortearanse tres premios o día 23, a partir das 20.00 horas.

Ata o día 31 de decembro estará dispoñible o tradicional muro dos desexos que xa se convertiu en toda unha tradición na Rúa dos Viños, e tamén haberá obradoiros infantís todas as semanas. O día 24 haberá un pasarrúas con grupo de gaitas a partir das 13.00 horas, e o día 26, ás 12.00 horas, os cativos e cativas poderán gozar dun contacontos a cargo da Bruxa Pirulina.

'PRECAMPANADAS'. O 31 de decembro, para rematar o ano, volverá haber pasarrúas con grupos folclóricos desde as 13.00 horas, e ás 19.30 horas levarase a cabo unha queima de desexos na rúa. Ás 20.15 repetirase o pasarrúas, que dará paso, ás 20.30 horas, ás precampanadas da Rúa dos Viños.

A programación rematará o día 8 de xaneiro, despois de Reis, cunha sesión de xogos tradicionais para todos os públicos ao aire libre desde as 16.00 horas e, ao rematar, todos os participantes poderán gozar dunha gran chocolatada gratuita para despedir as datas festivas por todo o alto.