‘Música na escola’ leva ao Emilia Pardo Bazán tres concertos no mes de maio

O primeiro deles será este venres e nel participarán os alumnos de canto do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra
La programación se desarrollará en el Pazo Emilia Pardo Bazán. DS
photo_camera La programación se desarrollará en el Pazo Emilia Pardo Bazán. DS

A Escola de Música Municipal de Sanxenxo continúa o ciclo de Música na Escola cunha serie de tres concertos de distintos estilos e diferentes formacións musicais. Nesta ocasión, colaborará o Conservatorio de Música de Pontevedra e o grupo Samudra Trío. Os concertos comezarán ás 19.30 horas no Auditorio do Emilia Pardo Bazán e a entrada será gratuita. O primeiro deles será este venres 12 e nel participarán os alumnos de canto do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Brian Artur Faro (tenor) e Julia Rodrigues Fandiño (soprano), acompañados polo pianista Alberto Vilas Alonso. Nos seus programas farán un percorrido por diferentes épocas, dende o Barroco ata o Romanticismo, e estilos, cunha selección de cancións de concerto, Arias de Ópera e Romanzas de Zarzuela de compositores como Franz Schubert, W.A. Mozart, Gaetano Donizetti, Antonio Vivaldi, Gabriel Faurè, Fernando Obradors, Pablo Sorozábal ou Moreno Torroba, entre outros.

O segundo concerto terá lugar o luns 15 co Samudra Trío con temas do seu disco Odisea. Mediante a confluencia de tradición e academia, interpretará obras de diferentes formatos co obxecto de explorar as posibilidades tímbricas dos tres instrumentos: frauta, cello e piano. Os tres timbres de vento, corda e teclado que compoñen a agrupación, abren a súa gama sonora conseguido un resultado moi especial e característico.

Por último, o mércores 24 a Banda I do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra subirá ao escenario. Trátase dunha formación instrumental que se atopa comprendida a nivel curricular dentro da materia de Banda e Orquestra. O alumnado comprende idades de entre 12 e 16 anos e a maioría pertence a agrupacións da mesma tipoloxía en bandas da contorna de Pontevedra: Sanxenxo, Meaño, Barro, Cambados ou Salcedo.