O mundo do surf recupera o Rock&Long Festival de Montalvo esta fin de semana

▶ Haberá concertos, churrascada e dúas competicións de ‘longboard’ en paralelo, unha amateur e outra puntuable para o Campeonato de España, cunha previsión dun cento de participantes
Sesión de concertos durante a última edición de 2019. BENI OLIVEIRA
photo_camera Sesión de concertos durante a última edición de 2019. BENI OLIVEIRA

Unha pandemia despois, o Rock&Long Festival regresa á praia de Montalvo cunha previsión de asistencia sen precedentes. E é que, para a que será a súa VI edición nos seus oito anos de vida, celebraranse dúas competicións de longboard en paralelo, unha amateur, e outra puntuable para o Campeonato de España, que agardan sumar arredor dun cento de participantes surfeando as ondas sanxenxinas.

Precisamente, tal e como apuntou dende a organización do evento Toño Alarcón, a proba amateur ten un límite de 60 prazas, das cales xa se atopan cubertas 40, mentres que para as mangas do Campeonato de España está prevista a asistencia de arredor de 50 deportistas.

O evento, organizado polo restaurante de Montalvo Kannion Surf e polo shaper local de táboas de surf Zorlak Surfboards contará, ademais das probas previstas, con tres días de música e gastronomía nas inmediacións do establecemento Kannion, que comezarán este venres coa presentación e as actuacións de The Surfnormales, unha banda da Guarda creada especialmente para a ocasión, e dos cambadeses Mascada, dende as 22.00 horas ata a medianoite.

O sábado pola mañá, "en función de que praia teña as mellores ondas para surfear", decidirase onde se disputan as probas: en Montalvo, Foxos ou A Lanzada. Para os participantes, a inscrición ten un prezo de 25 euros e inclúe un bocadillo quente para comer na praia, a camiseta do festival, e a churrascada que se celebrará despois das probas no Kannion, con opción para celiacos e veganos por 12 euros para o público xeral. Despois da cea, a partir das 22.00 horas, actuarán os sanxenxinos Wavy Gravies e Thee Blind Crows.

O domingo rematará a competición na praia, e a continuación terá lugar a entrega de premios tamén no Kannion, seguida dunha gran fideuá a prezos populares (sete euros), con sesión vermú amenizada por Rusty James and Fringe. As tres xornadas de festival pecharán co sorteo dos agasallos dos colaboradores, entre os que se inclúe un tablón de surf Zorlak e outras moitas sorpresas.
 

Os comezos
De festa familiar, a evento de renome
O Rock&Long Festival converteuse, nos últimos tempos, nun evento recoñecido no mundo do surf e tamén entre o público xeral, grazas á súa mestura entre deporte, afición e, sobre todo, moito rock&roll. Tal e como explica dende a organización Toño Alarcón, o evento "comezou sendo unha festa familiar de tabloneiros do surf, e a xente foise unindo" ata chegar ao momento actual.

Precisamente, na edición de 2019, o festival chegou a repartir 150 racións de churrasco o sábado, e 250 de marisco na xornada do domingo. Unha marca que dende a organización agardan manter. "Estamos moi contentos de poder recuperar o festival", asegurou Alarcón, quen tamén quixo destacar que se trata dun evento aberto ao público e que, ademais, ten un carácter solidario, xa que contará cun ‘stand’ para colaborar co proxecto Fogares Sanxe. A inscrición para asistir vén de ampliarse ata mañá.