O Mundial de colchonetas elixe Sanxenxo

A competición, que celebra súa XII edición na praia da Panadeira, conta con superar os 300 participantes de edicións pasadas
Mundial de colchonetas en una edición anterior, en la playa de Panadeira. Javier Cervera-Mercadillo
photo_camera Mundial de colchonetas en una edición anterior, en la playa de Panadeira. Javier Cervera-Mercadillo

SANXENXO. Dous anos despois,  o 10 de xullo, sanxenxinos e visitantes poderán gozar, por fin, do Mundial de Colchonetas. Nesta singular proba deportiva valóranse tanto as cualidades físicas coma a orixinalidade na escolla de inchables e disfraces por parte dos participantes. 
A competición, organizada pola Asociación Lúdica e Cultural ‘O Cubreiro’, basearase en tres carreiras divididas en tres categorías aproveitando a marea alta. A partir das 12.30 horas será a quenda dos nenos e nenas menores de 10 anos.

Despois, ás 13.00 horas, competirá a rapazada de 10 a 14 anos e, finalmente, ás 13.30, mediranse os adultos cunha esixente carreira.  

Segundo os organizadores, este horario é crucial para que as quendas coincidan coa marea alta e «as colchonetas non batan contra as pedras», ‘O Cubreiro’ teno todo controlado.
O presidente, Juan Pintos, asegura que, desta vez, o certame supera as expectativas doutros anos trala súa publicación en redes sociais: «Nas primerias tres horas, acadamos 1.050 persoas, e nas primeiras 24, 3.200». Tantos participantes deixarían unha estampa curiosa que xa chegou á portada dos xornais noutras ocasións, e que este ano non pensa quedar atrás.

PREMIOS. Colchoneta, disfrace e rapidez. Como viñan facendo anteriormente desde a organización, haberá premios para os tres clasificados en cada categoría: colchonetas máis orixinais, mellores disfraces e  os tres máis rápidos contrarreloxo. Mais tamén haberá novidades: mellor disfrace de grupo e de parella. 

A cita terá lugar ás 12.30 horas no peirao da Praia da Panadeira, cando se produza a primeira saída. Aínda que todos aqueles que desexen participar terán que acudir unha hora antes para facer a inscrición que, como cada ano, é totalmente gratuíta.