Unha moza de Sanxenxo, gañadora dos VII Premios Sofía Novoa

Elena Moldes, xunto con outras cinco rapazas, foron galardoadas pola Deputación polos seus traballos de Fin de Grao e Fin de Máster
Presentación dos Premios Sofía Novoa. DP
photo_camera Presentación dos Premios Sofía Novoa. DP

Seis mozas de Bueu, Catoira, Moaña, Sanxenxo e Vigo recollerán o vindeiro día 13 na sede da Deputación en Vigo os galardóns dos VII Premios Sofía Novoa, cos que a institución distingue Traballos Fin de Máster e Fin de Grado presentados por alumnas e alumnos dos campus de Vigo e Pontevedra da Universidade de Vigo que fomentan, consolidan e contemplan a perspectiva de xénero e, ao mesmo tempo, visibilizan e homenaxean a figura histórica da pedagoga e música viguesa. Os seis proxectos galardoados, realizados por Raquel Álvarez (Bueu), Elena Moldes (Sanxenxo), Alba Fernández (Vigo), Nuria Bouzas (Catoira), Rebeca López (Vigo) e Emma Juncal (Moaña), céntranse na promoción da igualdade de xénero na educación infantil, secundaria e bacharelato, así como na visibilidade e representación da muller na divulgación científica e na relación entre muller e prisión. O acto de entrega dos Premios será o venres 13, ás 19.00 horas, na sala Rosalía de Castro na sede da Deputación en Vigo, nun evento conducido pola actriz e contadora de Silleda, Cris Collazo,  que contará coa música da pianista Laura Zapatero.

A presidenta Carmela Silva lembrou a longa traxectoria destes premios, o alto nivel dos traballos presentados e subliñou a figura de Sofía Novoa “unha extraordinaria muller, que tiña un gran compromiso coa cultura, moi ligada ao mundo da música”. A presidenta provincial recordou que “malia que o seu legado aínda está sendo recuperado, Sofía Novoa foi no primeiro terzo do século XX unha das artífices do programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior de moitas mulleres para que puideran ter formación e ser donas da súa vida”. Nas sete edicións dos galardóns presentáronse xa máis de 132 traballos con 36 persoas premiadas, o que consolida os premios como un elemento para concienciar sobre a importancia da perspectiva de xénero e acadar a igualdade efectiva entre mulleres e homes.

A esta sétima edición, aos que podían optar aqueles traballos defendidos e aprobados no curso 2021-2022, presentáronse un total de 12 proxectos. No que respecta á modalidade de Traballos Fin de Grao, o xurado decidiu facer entrega dun premio de 1.000 € a Raquel Álvarez, de Bueu, outro do mesmo importe a Elena Moldes, de Sanxenxo, e un accésit valorado en 600 € a Alba Fernández García, de Vigo. Raquel Álvarez presentou “O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil”, unha intervención baseada na simbiose do traballo por proxectos co álbum ilustrado como metodoloxía e elemento idóneo para abordar as cuestións de xénero e promover a igualdade en 5º de educación infantil.  Pola súa banda Elena Moldes acadou outro dos premios por “Visibilidade e representación da muller na divulgación científica: análise crítica da revista National Geographic en 2020”. O traballo analiza a representación e visibilidade da muller en publicacións de divulgación científica na actualidade, partindo da análise da revista National Geographic. Finalmente, o accésit na modalidade de Traballos Fin de Grao recalou en Alba García por “Muller e prisión en España”, unha investigación centrada na discriminación da muller na execución da pena de prisión, onde ten sido ignorada no contexto dunha regulación penitenciaria androcéntrica.

En canto aos Traballos Fin de Máster, o xurado decidiu facer entrega dun premio de 1.000 € a Nuria Bouzas, de Catoira, outro do mesmo importe a Rebeca López, de Vigo, e un accésit de 600 € a Emma Juncal, de Moaña. Nuria Bouzas presentou “O álbum e a novela gráfica como recurso didáctico para unha educación en igualdade na ensinanza das artes plásticas de secundaria”, un traballo centrado na potencialidade didáctica do álbum ilustrado e a novela gráfica para a ensinanza das artes plásticas na secundaria e como medio para introducir temas transversais de relevancia como son a problemática de xénero e a igualdade. Pola súa banda, Rebeca López acadou outro dos premios por “Proposta de dicionario feminista de termos cinematográficos para o profesorado de bacharelato. A igualdade de xénero no currículo de cultura audiovisual”, no que propón un recurso didáctico pensado con perspectiva de xénero para facilitar a docencia das materias de Cultura Audiovisual buscando a incorporación de referencias fílmicas femininas. Finalmente o accésit na modalidade de Traballos Fin de Máster recalou en Emma Juncal por  “Análise dos estereotipos de xénero no alumnado de Educación Infantil enmarcado nas ciencias experimentais”. Trátase dun estudo centrado en coñecer os estereotipos de xénero presentes no alumnado do segundo ciclo de Educación Infantil para rachar con eles.