A mostra ‘Múltiple’ chega a Sanxenxo da man de Afundación, Abanca e Concello
A mostra Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló chega este mércores á Sala Nauta de Sanxenxo no marco da iniciativa Cultura por alimentos, que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos), e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais.
A exposición impulsada por Abanca, Afundación e o Concello de Sanxenxo, é froito da colaboración enmarcada no proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Poderase visitar de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 horas, e os sábados de 17.00 a 20.30 horas, ata o 13 de outubro. A entrada é libre e gratuita, pero as entidades convidan aos visitantes a colaborar a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
A través dos artistas máis destacados do século XX español, o obxectivo desta exposición é dar a coñecer as técnicas tradicionais do gravado calcográfico e as súas variantes, centrándose en especial na xilografía, a litografía e a serigrafía.