O Mes das Bibliotecas chega ao seu ecuador en Sanxenxo pensando en todos os públicos

A actividade continuará o vindeiro martes, día 18, orientada aos bebés de 0 a 3 anos, cunha obra de teatro titulada Que animaliño é?
Paco Nogueiras inaugurou o ciclo de actividades na Biblioteca de Portonovo. DS
photo_camera Paco Nogueiras inaugurou o ciclo de actividades na Biblioteca de Portonovo. DS

Despois do éxito das pasadas xornadas de celebración do Mes das Bibliotecas en Sanxenxo, nas que arredor dunha vintena de cativos e cativas por cada actividade riron e bailaron con Paco Nogueiras en Portonovo, e descubriron o sabor da auga do mar na de Sanxenxo da man de Os Quinquilláns, a actividade volve este venres a Portonovo pensando no público adulto con O medo é libre, a cargo de Ángeles Goás (20.00 horas).

A actividade continuará o vindeiro martes, día 18, orientada aos bebés de 0 a 3 anos, cunha obra de teatro titulada Que animaliño é? (17.00 horas), con Paula Regueiro e Lucía L.Golán na Biblioteca de Sanxenxo. Coma todas as actividades, será preciso inscribirse previamente no 986 72 79 36. Seguidamente, o mércores 19 o espectáculo trasladarase a Vilalonga (18.00 horas) pensando nos nenos e nenas de a partir de cinco anos. Alí, Raquel Queizás contaralle á cativada contos tradicionais enmarcados no seu espectáculo O eco das pedras. Para esta actividade, a inscrición debe facerse no 986 74 48 79.

O xoves 20 de outubro, tamén en Vilalonga, os cativos e cativas de a partir dun ano poderán asistir ao espectáculo de marionetas Barriga Verde (18.00 horas), mentres que, para pechar o ciclo de espectáculos  o venres 21 Tarabelos presentará O traxe novo do rei, un conto dos de sempre, na biblioteca de Portonovo, indicado para a cativada de a partir de tres anos.