O Mes das Bibliotecas chega ao seu ecuador en Sanxenxo pensando en todos os públicos
Despois do éxito das pasadas xornadas de celebración do Mes das Bibliotecas en Sanxenxo, nas que arredor dunha vintena de cativos e cativas por cada actividade riron e bailaron con Paco Nogueiras en Portonovo, e descubriron o sabor da auga do mar na de Sanxenxo da man de Os Quinquilláns, a actividade volve este venres a Portonovo pensando no público adulto con O medo é libre, a cargo de Ángeles Goás (20.00 horas).
A actividade continuará o vindeiro martes, día 18, orientada aos bebés de 0 a 3 anos, cunha obra de teatro titulada Que animaliño é? (17.00 horas), con Paula Regueiro e Lucía L.Golán na Biblioteca de Sanxenxo. Coma todas as actividades, será preciso inscribirse previamente no 986 72 79 36. Seguidamente, o mércores 19 o espectáculo trasladarase a Vilalonga (18.00 horas) pensando nos nenos e nenas de a partir de cinco anos. Alí, Raquel Queizás contaralle á cativada contos tradicionais enmarcados no seu espectáculo O eco das pedras. Para esta actividade, a inscrición debe facerse no 986 74 48 79.
O xoves 20 de outubro, tamén en Vilalonga, os cativos e cativas de a partir dun ano poderán asistir ao espectáculo de marionetas Barriga Verde (18.00 horas), mentres que, para pechar o ciclo de espectáculos o venres 21 Tarabelos presentará O traxe novo do rei, un conto dos de sempre, na biblioteca de Portonovo, indicado para a cativada de a partir de tres anos.