REPORTAXE

Un con máxico en primeira fila

O SANTO TEN O SEU PROPIO 'BANCO BONITO' ▶ Unha iniciativa veciñal vén de poñer ao lugar da parroquia sanxenxina de Nantes no mapa dos asentos máis curiosos de Galicia. O banco, que mira ao Con da Romaíña, é tamén unha homenaxe ás lendas e á nenez dos seus impulsores
Os veciños de O Santo que impulsaron a iniciativa, no asento situado fronte ao megálito. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os veciños de O Santo que impulsaron a iniciativa, no asento situado fronte ao megálito. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Se preguntas en Sanxenxo polo Con da Romaíña, a xente non sabe onde está. Saben situar o Con da Ventureira, porque se celebraba a Romaría das Cabezas en Padriñán, pero non este". Quen fala así é Silvia Freire, unha dos oito veciños e veciñas impulsores da iniciativa que pretende poñer ao lugar de O Santo, na parroquia de Nantes (Sanxenxo), no mapa dos ‘bancos máis bonitos’ de Galicia.

Se ben é certo que este banco non amosa un acantilado, nin unhas vistas infinitas, o seu valor paisaxístico é, sen embargo, imprescindible para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico da zona. Dende a súa ubicación permite admirar en primeira fila a peza máis emblemática do fogar dos primeiros poboadores de Sanxenxo: Con da Romaíña, un megálito arrodeado por lendas "que trascenden de pais e nais a fillos e fillas, e que nos gustaría que se coñeceran un pouco máis". Precisamente, tal e como conta Freire, unha das recentes iniciativas impulsadas á par da instalación do asento foi o relato en vivo da Lenda da moura, Manoliño e a serpe, contada polos cativos que forman parte do grupo veciñal impulsor da iniciativa, e que foi representada na pasada noite de San Xoán neste emblemático lugar, en colaboración coa asociación Andarela.

A lenda, o banco e o Con, forman agora, en conxunto, un atractivo lúdico e turístico que se retroalimenta. De feito, explica Freire, o banco conta coa instalación dun código QR que contén a lenda da moura típica do lugar. "Hai moitas lendas de mouras en Galicia e esta é a nosa", sinala.

Os veciños xunto ao Con da Romaíña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os veciños xunto ao Con da Romaíña. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

LEGADO. Pero a historia que arrodea á instalación do banco cara o Con da Romaíña, vai incluso alén do amor polo patrimonio local, ata acadar un tinte persoal. "Esta non é a iniciativa dunha asociación, soamente da veciñanza de O Santo", remarca Freire. E é que para este grupo de veciños (Silvia, Roberto, Cristina, Antía, Alicia, Susana, Rafa e Dani), as vivencias xunto ao Con son un valor a transmitir. Neste sentido, para os adultos do grupo, a iniciativa ten tamén como obxectivo "lembrar cando eramos pequenos, e que a xente coñeza o noso. Este é un lugar no que todos nós xogabamos de cativos. De feito dicimos que un non é de O Santo se non sabe subir ao Con", di, rememorando a infancia. Precisamente, Roberto, que é carpinteiro, foi o encargado da construción do asento a man.

Hoxe en día, a protección deste elemento é a prioridade absoluta. "Quixemos respectar a zona do Con ao máximo, porque alí levouse a cabo unha prospección e quizáis haxa elementos baixo terra. Por iso separamos o banco todo o que puidemos e colocámolo nunha zona na que sabemos que hai recheo de terra", explica a veciña.

Para este grupo, O Santo xa non ten nada que envexarlle a outros lugares emblemáticos da xeografía galega: "Vemos que hai bancos en lugares fermosos, con vistas, e intentando seguir a liña deste tipo de asentos, quixemos poñer un na nosa zona que mostrara algo bonito que temos, que é o Con da Romaíña, pero que tamén recollera a importancia do lugar".