Un impulso de tres décadas

Mulleres rurais de sanxenxo ▶ O colectivo Emilia Pardo Bazán cumpre 30 anos con arredor dun cento de socias e unha actividade imparable. Dende a antiga Irmandade Agraria ata o novo local en Progreso, é un dos dinamizadores máis antigos da vida das mulleres no municipio
O colectivo durante unha asamblea no antigo local. LORENA CASTRO/ARQUIVO
photo_camera O colectivo durante unha asamblea no antigo local. LORENA CASTRO/ARQUIVO

Era comezos da década dos 90 cando a Irmandade Agraria do campesiñado de Sanxenxo puxo fin ao seu percorrido. Quedaba baleiro aquel mítico local da rúa Consistorio, sen candidatos que quixeran desenvolver unha actividade sen ánimo de lucro, ata que elas deron un paso adiante. Eran un grupo de mulleres entre as que se atopaba Eva Davila González, que dez anos despois chegaría a presidenta da entidade. Así naceu a Asociación de Mulleres Rurais Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, todo un potente dinamizador da vida diaria que sacou da rutina do campo e o fogar a incontables mulleres do entorno que, por aquel entón, "chegaban de todas partes de Sanxenxo, incluso das aldeas", lembra Davila.

As socias nunha celebración anterior. RAFA FARIÑA/ARQUIVO
As socias nunha celebración anterior. RAFA FARIÑA/ARQUIVO

E as forzas nunca fraquearon. "Sempre mantivemos o nivel de socias, aínda que coa pandemia todo cambiou", asegura a presidenta, que contabiliza entre 80 e 100 inscritas, dependendo da época, unha alentadora cifra coa que agora cumpren 30 anos de traxectoria, consolidándose coma unha das asociacións de mulleres rurais máis antigas do municipio. "Agora cada aldea ten a súa, pero aquí a actividade non para", explica Eva. Os luns adícanos ás clases de calceta, os martes a encaixe de palillos, os mércores hai costura, os xoves bordado e os venres taichí pola mañá e xogos de mesa pola tarde. Ademais, as socias acuden a clases de pilates no Náutico de Sanxenxo, un entorno máis cómodo para esta actividade. "No verán descansamos. A que non ten netos que coidar, vai á praia. Aínda que, se o piden as alumnas, como foi o caso deste ano, algunhas das clases poden continuar", asegura a presidenta.

A Asociación celebrará o vindeiro 25 de novembro unha cea-baile conmemorativa no Real Club Náutico de Sanxenxo

Pero, sen lugar a dúbidas, un dos acontecementos máis especiais para a asociación terá lugar o vindeiro 25 de novembro, data na que as socias celebrarán unha cea con baile no Real Club Náutico de Sanxenxo para conmemorar as súas tres décadas de actividade.

E é que o acontecemento non é para menos. Aos seus 70 e pico anos, Eva Davila foi unha das testemuñas máis directas do relevo xeneracional dun colectivo que, en realidade, non entende de idades. Así, as socias contan con entre 30 e 80 e algo de anos, cunha media de 60 anos. "Estou contenta con como marchan as cousas. Todo o que se fixo, foi a base de traballo e sen cobrar. Ninguén nos deu nunca nada", matiza a presidenta. Neste sentido, a única achega que comezaron a percibir dende hai un ano é a aportada polo Concello de Sanxenxo, destinada aos custos do aluguer do novo local en Progreso. E é que, logo de toda unha vida no antigo local coñecido como "a Hermandad", o colectivo tivo que mudarse e emprender un novo comezo nun fermoso espazo en cuxo escaparate, cada día, exhiben as súas impresionantes creacións: roupa de bebé, panos, cadros, puntillas... todo un mundo de creacións feitas coas mesmas mans que, en cada gran ocasión, poñen todo da súa parte para colaborar nos acontecementos do municipio coma o Corpus, coa elaboración de alfombras florais, ou en datas sinaladas coma a conmemoración dos 100 anos da pioneira que lles dá nome: Emilia Pardo Bazán.