O Grupo Socialista reclama os contratos dos médicos con piso

Julio Torrado calificou o convenio de "fracaso estrepitoso na zona onde peor se xestionou a Sanidade no verán"
Julio Torrado. DS
photo_camera Julio Torrado. DS

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou á nova xerencia do Sergas que presente a convocatoria e os contratos dos médicos que tiveron un piso asignado a gastos pagos este verán en Sanxenxo para traballar no Centro de Saúde. Torrado presentou unha pregunta oral na Comisión de Sanidade na que calificou o convenio acadado entre o Sergas e o Concello de Sanxenxo de "pamplinada", valorando que se resolveu cun "fracaso estrepitoso na zona onde peor se xestionou a Sanidade no verán".

O voceiro socialista tamén afeou que "non queiran dar información sobre como convocaron os contratos", e advertiu que "non vaia ser que teñamos un problema cos contratos". Neste sentido, valorou que ten "dúbidas éticas, todas, sobre a súa eficacia, todas, e ademais algunha dúbida legal". Lembrou que o Sergas aínda non respondeu a cuestión de cantos médicos foron contratados, durante canto tempo, con que custe e sobre todo o tipo de contrato, que reclamou a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento.

Segundo Torrado, trátase "dun convenio do Sergas con Sanxenxo" para facer "mercadeo" a través "dunha convocatoria para médicos da privada de fora de Galicia e só para un Concello". Trasladou a súa "sorpresa" por que o Goberno galego "defenda o caso como exemplo para toda Galicia" mentres sosteñen que non produce "competencia nin desagravio" entre concellos "o que é un caso de dumping sanitario", segundo o Grupo Socialista.

Ademais, puxo de manifesto que o concello do Grove, "nunha situación semellante, non puido ofrecer as prazas para médicos porque non tiña o convenio que o Goberno galego asinou só para Sanxenxo, e para ofrecer prazas só en Sanxenxo".

A maiores, o parlamentario socialista cuestionou os resultados do convenio, que "se saldou cun Centro de Saúde que, a pesares da oferta de pisos para o verán, non tivo a plantilla de médicos completa nin un só día do verán". Mentres, dixo, "houbo médicas que pasaron máis tempo da súa xornada no taxi circulando dun centro de saúde ao outro".