A arquitectura galega entrega os premios Gran de Area este sábado no auditorio Pardo Bazán

Horta e invernadoiro en Culler de Pau no Grove. DS

Os municipios do Grove, A Estrada, Bueu, Vilaboa, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade  atópanse entre os emprazamentos premiados

As delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrarán este sábado, 25 de marzo, o acto de entrega de diplomas aos premiados dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2022, e que terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.

O certame premia a 16 obras maioritariamente ubicadas na provincia de Pontevedra. É o caso da reforma dun piso en Vigo a cargo de Ramón Viéitez, Alberto Cebral, e Brais Barreiro; unha vivenda unifamiliar en Celanovar asinada por Manuel Jorreto; unha vivenda entre medianeiras (Casa Palomar), en O Carballiño, por Goretti Díaz; a rehabilitación dun edificio en Vigo por Javier Couto; a transformación do patio do colexio da Torre-Cela en Bueu a cargo de Fermín González; dúas naves adosadas en Ponte Caldelas por Luciano González e Miguel Estévez; a reurbanización da Praza Bugallal en Ponteareas de Abalo Alonso Arquitectos; o salón de beleza Consciente en Tui, de Ángel Manuel e Leandro Nogueira; o proxecto de reconstrución dunha vivenda unifamiliar afectada pola explosión de Paramos en Tui, por Jorge Enrique Méndez e Adrián Pinaque; a humanización da Praza da Feira e rúa Ulla en A Estrada, de RVR Arquitectos; a horta e invernadoiro en Culler de Pau, no Grove, por Prieto Patiño Arquitectura; o centro cultural e turístico Antonio Fraguas en Cerdedo-Cotobade, de María García; a Cidade da Xustiza de Vigo, por Alfonso Penela; a reforma dun local para o restaurante Albanta de Vilaboa, de Santiago Pintos e Jaime Rodríguez; unha vivenda en Gondomar a cargo de Antonio Soliño e a rehabilitación dun edificio para o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional en Ourense, de Estafanía Vázquez, Roi Feijoo e Santiago García.

Naves adosadas centro loxistico auga mineral en Ponte Caldelas. DS

Este ano presentáronse 63 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal. As obras están englobadas en máis de dez tipoloxías diferentes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade. O pasado mes de decembro as tres delegacións facían público o fallo do xurado. 

O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Vigo, Ourense e Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Manuel Martínez Carazo, Rafael Castro Armesto e Anselmo Villanueva Peón, respectivamente; Fernando Sampil Sánchez, colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios Gran de Area das edicións anteriores, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: María Fandiño Iglesias por Vigo, Pablo López Prol por Ourense, e Zaraida Martínez Sanmartín por Pontevedra; e a secretaria da delegación de Pontevedra, María Pierres, que actuou como secretaria do certame.

Reforma do local do novo restaurante Albanta en Vilaboa. DS

Resaltou a gran variedade e calidade das propostas, pequenas ou grandes aportacións á arquitectura do sur de Galicia que entende deben ser recoñecidas pola súa exemplaridade do bo facer arquitectónico, pero sen esquecer que son o resultado da colaboración de éxito de todos os axentes de obra,  como son promotores, construtores e profesionais da arquitectura. Valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.