O Goberno local de Sanxenxo rexeita unha moción pola sanidade pero avanza accións co Sergas

▶ O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asegurou que o executivo traballa en iniciativas que presentará o Concello para paliar a situación en Baltar
Usuarios do centro de saúde de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Usuarios do centro de saúde de Baltar. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A falta de médicos e, sobre todo, a non cobertura de Pediatría no centro de saúde de Baltar, despois de que o Sergas concedera un cambio de destino á profesional que inicialmente estaba previsto que se incorporara, foi obxecto de debate nunha sesión plenaria na que o alcalde, Telmo Martín, asegurou que o Goberno local está "levando a cabo xestións co Sergas para mellorar a atención no noso concello e estamos traballando en iniciativas que presentaremos dende o Concello de Sanxenxo para resolver o problema, e non conformarnos co que hai agora mesmo", asegurou.

O rexedor aproveitou tamén a ocasión para "pedirlle perdón" públicamente "aos veciños de Sanxenxo pola nefasta e as carencias que temos na Atención Primaria no noso concello", e dirixiuse á oposición para explicar que "non vou recorrer ás razóns que poderían xustificar algunhas destas carencias e non estou para andar a poñer excusas porque xa me coñecen ben". 

O debate, a pesar disto, espertou as críticas da oposición cara ao Goberno local durante a presentación da moción urxente levada polo grupo socialista ao Pleno, que finalmente non foi aprobada con 10 votos en contra do Partido Popular. No documento, tal e como explicou a voceira do PSdeG-PSOE, Ainhoa Fervenza, pedíase un compromiso do Concello contra a redución do persoal da Atención Primaria, aludindo á promoción de contratos dignos, así como que se esixira ao Sergas a incorporación inmediata de dous pediatras.

Neste sentido, despois de que a anterior pediatra de Baltar collera unha baixa a metade do verán, tras cubrir a xubilación dos dous anteriores pediatras, "hai dúas semanas que nos confirmaron a noticia de que á pediatra que xa se ía incorporar á súa consulta concedéronlle un cambio de destino, supoñemos que buscando un centro onde a carga de traballo non sexa tan exhaustiva, porque aquí hai que ter en conta que ten que cubrir os cupos de dous pediatras. O Sergas en vez de traer a outra pediatra concedeulle o cambio sen atender as necesidades da nosa poboación, co beneplácito do grupo de Goberno que semella estar de acordo coa forma na que se está desmantelando o centro de saúde de Baltar, ante a súa inacción e mutismo que abala as accións do Sergas", criticou Fervenza.

A moción si foi apoiada polos demais grupos da oposición presentes na sesión. Neste sentido, a voceira de Ciudadanos, Vanessa Rodríguez, destacou a labor da plataforma pola sanidade de Sanxenxo, que hoxe ten prevista unha nova recollida de sinaturas en Baltar, Vilalonga e O Espiñeiro, mentres que a voceira do BNG, Sandra Fernández, puxo o foco sobre a prevención, que "está quedando totalmente aparcada. Non é o mesmo coller patoloxías a tempo que cando non se poida facer nada", asegurou, lembrando que actualmente Baltar "só atende urxencias vitais». "Estamos nunha situación moi preocupante. Non hai pediatra e non o vai haber, e tampouco case nin hai médicos de adultos", manifestou.

Solos urbanizables
Sanxenxo defende o campo de golf
O Pleno serviu tamén para aprobar a ratificación do convenio para o SU-11, SU-14 e SU-27 sen o beneplácito da oposición que, no caso de Cs lembrou as "31 alegacións en contra do SU-14 e tres en contra do SU-27", mentres que o BNG cargou contra o prantexamento do campo de golf no SU-14 "por criterios de Medio Ambiente, ademais que Pontevedra é a provincia con máis campos de golf. Monte Faro trouxo problemas con sentenzas millonarias, 20 anos máis tarde non hai campo de golf, e no SU-14 tampouco o haberá", dixo a voceira, Sandra Fernández, se ben recoñeceu que "o SU-27 si corresponde a un urbanismo harmónico".

A tenente de alcalde, María Deza, defendeu a necesidade do campo de golf alegando que "en Sanxenxo ten que haber un equilibrio entre os veciños e o turismo", á vez que asegurou que "a meirande parte do territorio" do municipio "está protexido".