Comesaña, sobre os pisos para médicos: "Os tres que viñeron foron fundamentais para que a atención no verán estivera á altura"

O Conselleiro de Sanidade valorou positivamente o resultado da iniciativa do Concello de Sanxenxo, se ben "o problema da falta de médicos é maior" ▶ Sanidade móstrase disposta a repetir o sistema o vindeiro verán "se o alcalde quere"
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a mañá deste venres no centro de saúde de Baltar. A.M.U.
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a mañá deste venres no centro de saúde de Baltar. A.M.U.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou positivamente durante a mañá deste venres no centro de saúde de Baltar a iniciativa pioneira impulsada polo Concello de Sanxenxo mediante a que tres médicos de fóra do territorio galego traballaron este verán no municipio cos gastos de vivenda sufragados polas arcas municipais. Sen embargo, García Comesaña asegurou que, dende Sanidade, "gustaríanos ter mais, porque o problema da falta de médicos é maior que os tres que viñeron, pero en todo caso eses tres son fundamentais para que a atención sanitaria neste concello no verán estivera á altura do que esperabamos todos".

O conselleiro mostrouse disposto a repetir este sistema o vindeiro verán no municipio "se o alcalde quere". "Nós estamos encantados de ter ferramentas para conseguir mais médicos dos que temos agora mesmo", asegurou.

García Comesaña quixo lembrar que o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, "tivo unha iniciativa para nós excelente, que por certo xa tomaron outros concellos doutro signo político, nomeadamente o PSOE en Verín cando tivemos o problema do paritorio, e que ofreceu domicilio para os pediatras que quixeran traballar alí". Neste sentido, valorou, "non entendo por que daquela algún non se abriu as carnes e agora si. En todo caso, é unha iniciativa boa que permitiu dar un elemento adicional neste caso por parte do Concello, para que aquelas persoas de fóra de Galicia, que foi o requisito que puxemos, puideran incorporarse para traballar naqueles meses complexos neste centro de saúde, e sobre todo no PAC".

Para o conselleiro, "o resultado foi bo, porque tivemos a tres persoas que puideron reforzar non soamente a atención en Sanxenxo, senón a atención en todos os concellos da comarca, xa que este PAC ten un ámbito de máis dun concello". "Quen ten que poñer as ferramentas, que é o Ministerio de Sanidade convocando mais prazas non o fai e cremos que non o vai facer, e polo tanto agradecemos iniciativas coma esta, e quen teña algunha ferramenta á súa man para facer atractiva esa consecución de médicos a poña en marcha", pediu.