Francisco Leiro (BNG): "Asentar a industria tecnolóxica sería unha aposta importante"

Francisco Leiro. DS
photo_camera Francisco Leiro. DS

Novas eleccións e novo cabeza de lista para o BNG por segunda vez consecutiva. Como asume esta responsabilidade?
É un reto máis grande para min do que o foi para Sandra Fernández nas anteriores eleccións, xa que eu levo catro anos. O peso da responsabilidade está aí e eu asúmoo con moita ilusión e compromiso. Estou decidido. Á xente dígolle: "eu vou ser o alcalde". Tal vez, como agora está concentrado o voto da dereita en Telmo non se consiga unha maioría que vertebre unha alternativa, pero dentro de catro anos son alcalde si ou si. Vou cambiar o rumbo deste concello.

Entón ten un plan a longo prazo.
Si, porque a deriva que eu quero cambiar non se pode facer en catro anos. O principal problema que vexo é como a xente nova ten que fuxir porque non atopa aquí ningunha solución de vivenda nin de traballo, e disto ten moita responsabilidade o PXOM que aprobou o PP. Estase convertendo nun concello de segundas vivendas. Somos líderes en capacidade hoteleira, pero durante o inverno está pechada. Non lle estamos sacando proveito a este liderado.

Hai 12 anos enfermei moito, e a sociedade salvoume a vida cun trasplante. Dende entón estou en débeda con ela"

Que tres cousas cambiaría primeiro?
A acción de goberno ten que estar centrada na necesidade da veciñanza. O Goberno actual ten medo a que se diga que non fai nada, e adícase a facer cousas maioritariamente en lugares concorridos. Non quero pensar que é un ánimo electoralista, pero para min é unha política errónea. Hai que actuar onde se ve unha necesidade, non sempre con ladrillo e cemento, senón poñendo recursos e servizos. Nestes catro anos quixeron desmantelar o servizo de Emerxencias e privatizaron o SAF. A segunda cousa que cambiaría sería tentar asentar poboación. Eu son do sector das telecomunicacións, e sei que hai moitas tecnoloxías emerxentes que aínda non teñen unha ubicación propia. Sería unha aposta importante do Goberno local asentar esta industria, que permitiría que a xente traballara aquí todo o ano. A terceira é a vivenda. No PXOM do PP hai grandes áreas para vivendas de luxo inaccesibles para a xuventude. Tampouco hai alugueres todo o ano. Pódese poñer en marcha un convenio ou programa Marco para facilitar aos propietarios que o seu aluguer se volva rendible e darlle seguridade por mediación do Concello ante calquera conflito. Con xente vivindo aquí durante todo o ano, aplicando un urbanismo como fai o BNG en concellos como Pontevedra ou Allariz, poderiamos impulsar o comercio local. Ademais, este ano traemos de novo o proxecto de crear unha especie de Amazon local para o comercio.

Cales son os seus puntos fortes como candidato?
O compromiso, con diferenza. Hai máis de 20 anos que me licenciei e teño claro que se non fora pola educación pública nunca podería ser enxeñeiro. Xa tiña esa débeda coa sociedade, pero hai 12 anos enfermei moito, e a sociedade salvoume a vida grazas a un trasplante de fígado. Sei que se o único fígado que se dera fora o do meu doante, non tería sido para min. Dende entón non hai nin un só día no que non me sinta en débeda coa sociedade, e esta experiencia foi a que máis pesou para entrar na política. Estou completamente comprometido coa educación e a sanidade pública. Tamén estou afeito a traballar en equipo pola miña profesión e non son un líder autoritario nin narcisista. Creo que se saca moito mellor resultado das sinerxias.