A Festa do Jato de Portonovo, proposta como embaixadora sanxenxina en Culturgal

▶ A cita, que se enmarca dentro das actividades do Entroido da man da Asociación da Rúa dos Viños, está consolidada dende o ano 2015
A Festa do Jato nunha edición anterior. DAVID FREIRE
photo_camera A Festa do Jato nunha edición anterior. DAVID FREIRE

A Festa do Jato de Portonovo está de noraboa. E é que vén de resultar elixida polo Concello de Sanxenxo este ano para representar ao municipio na feira da cultura Curturgal, que se celebrará en Pontevedra a vindeira semana. A edil de Cultura, Paz Lago, formalizou a proposta durante a mañá de este martes na Deputación de Pontevedra, co obxectivo de poñer en valor a cita que, dentro das actividades programadas para o Entroido de Sanxenxo, celébrase en Portonovo cada ano, no segundo sábado posterior ao Mércores de Cinza.

A Festa do Jato atópase xa plenamente consolidada no municipio, coma un reclamo que cada vez atrae a máis visitantes ao municipio durante as datas do Entroido. A súa orixe remóntase de facto ao ano 2015 da man da Asociación da Rúa dos Viños, pero ten o seu antecedente nunha comida anual que un grupo de amigos da zona celebraba co gallo do Día Internacional do Gato, tendo en conta que, históricamente, os e as habitantes de Portonovo son coñecidos co alcume de ‘jatos’ e ‘jatas’.

En 2015, o grupo de amigos orixinal, xunto cos donos dalgúns dos locais da portonovesa rúa dos viños, quixeron levar esta celebración á rúa para convidar á veciñanza a participar nunha xornada festiva ataviados con disfraces de gatos. Así, ano tras ano, a participación dos locais da zona e da veciñanza foi aumentando, ata converterse nunha festa do pobo, e en todo un referente das festas do municipio de Sanxenxo.

Tradicionalmente, a celebración comeza cunha carreria na que os gatos perseguen ao rato, tentando darlle caza a través da Rúa dos Viños. Ao remate desta actividade entrégaselles unha medalla a cada participante e unha bebida, para continuar a celebración cunha batucada que percorre todas as rúas da zona, mentres os locais da Asociación da Rúa dos Viños reparten churrasco entre os clientes por cada consumición.

Outra das características máis arraigadas da celebración, ademais dos disfraces de gato, son as actividades infantís, con pintacaras, obradoiros e un concurso para elexir o mellor atavío de gato.