Fervenza presenta a súa candidatura polo PSOE de Sanxenxo: "Quero ser a alcaldesa que constrúa a igualdade"

A voceira do PSdeG-PSOE municipal prometeu loitar por "vivendas asumibles, unha sanidade
digna e de calidade, e por que en Sanxenxo haxa traballo os 365 días do ano”, nun acto no que estivo arroupada por simpatizantes e representantes socialistas
O acto de presentación tivo lugar no Pazo do Revel. DS
photo_camera O acto de presentación tivo lugar no Pazo do Revel. DS

Ainhoa Fervenza quere ser a "alcaldesa que constrúa igualdade, cohesión social, expectativas de vida en común e novas oportunidades" en Sanxenxo. "Son muller, son socialista e son veciña de Sanxenxo. Non teño intereses inmobiliarios". Con estas palabras, pechaba durante a noite deste sábado o acto de presentación da súa candidatura no Pazo do Revel, de cara as eleccións municipais que terán lugar en maio de 2023.

Neste acto, no que estivo arroupada por numerosos compañeiros de partido e simpatizantes, e no que non falou o secretario xeral do PSOE na provincia, David Regades, a candidata presentou o que para ela era o proxecto que necesita Sanxenxo. “O proxecto que eu lidero, o noso proxecto é o que vai poñer aos veciños e veciñas no centro, o que vai axudar ás familias que o necesiten con becas, alimentos e cos servizos de conciliación necesarios, o que se vai a preocupar de que se fagan vivendas asumibles, o que vai loitar por ter unha sanidade digna e de calidade, o que se encargue de que en Sanxenxo haxa traballo os 365 días do ano”.

Fervenza amosouse entusiasmada coas súas propostas, que teñen que ver "coas necesidades reais das persoas, que pasan por algo máis do asfalto, un proxecto para Sanxenxo que é inclusivo, un proxecto que nada ten que ver co que pode ter o noso alcalde”.

Fervenza mencionou no seu discurso a xestión de Telmo Martín, con “máis de 20 millóns de euros en pufos xudiciais pola culpa do alcalde. Telmo sáenos carísimo, é unha ruina para Sanxenxo, ten un récord de sentenzas condenatorias e sempre co trasfondo do urbanismo e da especulación", acusou. Para Fervenza, "hai dous cousas claras no meu proxecto. Non imos apoiar un campo de golf en Monte Faro e non imos permitir que cos cartos públicos se faga do Pazo de Quintáns un restaurante para vodas, bautizos e comuñóns”.