Os felinos toman o Entroido sanxenxino

Centos de persoas participaron este sábado na Festa do Jato, un evento que xa é referente nas Rías Baixas e que volveu cumprir as expectativas da organización nesta VIII edición, pois contou cunha gran afluencia de veciños e visitantes

Centos de jatos e jatas percorreron este sábado as rúas de Portonovo tras o rato, unha tradición xa consolidada na vila mariñeira e que cada ano gaña máis adeptos. Nesta ocasión o humorista Isi volveu repetir como convidado especial desta xornada felina, que contou con centenares de participantes ataviados de orellas, bigotes e nalgúns casos perrucas e rabos.

Tras esta orixinal carreira de Os jatos atrás do rato, que se iniciou na rotonda da lonxa e que concluíu no campo de San Roque con medallas para todos os participantes, houbo pasarrúas, música, obradoiros e racións de churrasco coas consumicións na Rúa dos Viños sanxenxina. Así, despois de perseguir ao incansable rato, a batucada Os Queimatasas, Os Gatiños de Portonovo e Lembranzas encheron de música e diversión as rúas do centro desta vila mariñeira. E despois dunha agotadora persecución e de mover o esqueleto a ritmo de batucada, tocou "encher o bandullo". Así, todas as persoas que se deixaron caer pola Rúa dos Viños tiveron a ocasión de xantar en calquera dos locais que pertencen á asociación desta céntrica rúa hostaleira, que ofreceron asado durante toda a xornada.

A Festa do Jato, que este ano chegou á súa VIII edición, volveu cumprir as expectativas da organización dunha das festas que xa é emblemática nas Rías Baixas.

Este domingo poñerase o broche de ouro ao Entroido de Sanxenxo co Desfile de Adultos a partir das 16.30 horas, no que se repartirán 10.250 euros en 18 premios en seis categorías.