Falece Vicente Grandal, mestre e figura senlleira do IES Vilalonga

O centro educativo e a ANPA fixeron públicas as súas condolencias, lembrándoo coma unha "icona indiscutible" do IES Vilalonga
IES de Vilalonga. DP
photo_camera IES de Vilalonga. DP

A parroquia de Vilalonga (Sanxenxo) chora a Vicente Grandal López, histórico mestre do IES de Vilalonga, que faleceu este xoves aos 59 anos logo de afrontar unha doenza. Dende o centro educativo e a ANPA, que fixeron públicas as súas condolencias, quixeron lembralo coma unha "figura senlleira e icona indiscutible do IES Vilalonga", mentres que durante a xornada do xoves as redes sociais enchéronse de mensaxes de pésame e lembranzas por parte de compañeiros e antigos alumnos, entre os que non faltaron políticos coma a edil do BNG Sandra Fernández, quen destacou a figura de Grandal López coma a dun mestre "duro, esixente pero xusto", ademais de "un gran mestre e unha gran persoa" que deu clases a varias xeracións de pais, nais, fillos e fillas durante a súa labor educativa.

A igrexa de San Pedro de Vilalonga acollerá o funeral este venres a partir das 17.00 horas, con saída dende a Sala 3 do Tanatorio de Sanxenxo, mentres que a incineración celebrarase na intimidade familiar.