A esencia do Samaín portonovés regresa esta fin de semana a pé de rúa nos Viños

▶ A asociación de hosteleiros retoma os obradoiros infantís, mantén o concurso de cabazas e anuncia un "menú especial"
Decoración de Samaín nun dos locais da rúa. DS/ARQUIVO
photo_camera Decoración de Samaín nun dos locais da rúa. DS/ARQUIVO

A Asociación da Rúa dos Viños prepara unha fin de semana "terroríficamente divertida" na rúa máis famosa da vila, adicada especialmente á cativada, e que este ano engade varias novidades. Como viña sendo costume nas anteriores edicións, o colectivo encargarase de caracterizar toda a rúa e os locais asociados e mantén o tradicional concurso de cabazas, que se poderán presentar ata o 28 de outubro nos locais da asociación, quedando expostas toda a fin de semana ata que se decidan os gañadores, o día 1 de novembro.

Pero, ademais disto, a asociación retoma a programación de obradoiros de Samaín para os máis pequenos, co obxectivo de devolver toda a esencia da festa á rúa, coma na época prepandémica. Neste sentido, os nenos e nenas poderán gozar o sábado 29, domingo 30, luns 31 de outubro e martes día 1 de novembro, a partir das 17.00 horas, de obradoiros de cociña e manualidades polo prezo de cinco euros, e que inclúen material e incluso merenda, con inscrición tamén nos locais da asociación.

E, por se fora pouco, os locais da rúa disporán dun menú de comidas e ceas especiais coa temática do Samaín, así como "packs de merenda terroríficos", dende o sábado ata o martes, tal e como explica dende a asociación Noemí Pensado.

DISFRACES E LARPEIRADAS. Se por algo se caracteriza o Samaín e todas as celebracións que impliquen un disfraz na Rúa dos Viños, é polos seus grandes concursos. Precisamente, isto tampouco faltará no Samaín portonovés, que recupera o seu concurso de disfraces terroríficos, que se levará a cabo o día 31 de outubro, previa inscrición nos locais A Codia e O Risonsiño. Os participantes poderán anotarse na categoría infantil e adulto, e aqueles que resulten gañadores terán premio.

Ademais, e co propósito de ateigar a rúa de actividade, os locais de hostelería estarán provistos de caramelos e larpeiradas durante toda a fin de semana para o Truco ou trato, outra das actividades estrela do Samaín que xa se levou a cabo o pasado ano con grande emoción por parte da cativada.

A Asociación Rúa dos Viños é unha importante dinamizadora da actividade lúdica e económica da emblemática rúa de Portonovo, que este ano retoma a súa celebración do Samaín por todo o alto, coa vista posta no Nadal, para o que se agarda tamén unha animada programación. O colectivo, ademais, é o responsable de citas coma A Festa do Jato ou a programación musical que se levou a cabo durante o verán con Música na Rúa.