O Entroido felino quece motores

Festa do jato ▶ A que unha vez foi unha simple reunión de amigos acada a súa VIII edición da man da hosteleira Noemí Pensado e dos locais da Rúa dos Viños de Portonovo, que apuran a organización das actividades, concursos e merchandising de cara ao vindeiro día 25
A organización co cartel oficial da Festa do Jato e o atavío do rato preparado para a carreira popular. DAVID FREIRE
photo_camera A organización co cartel oficial da Festa do Jato e o atavío do rato preparado para a carreira popular. DAVID FREIRE

Comezou hai unha década coma un reencontro de amigos, portonoveses de pura cepa, que se xuntaba unha vez ao ano para conmemorar o Día Internacional do Gato, o nome coloquial polo que se coñece aos habitantes da vila mariñeira, e hai oito anos, José Luis García, entón presidente da Asociación da Rúa dos Viños, dono do bar Lolitas e integrante dese grupo de jatos primixenios, propuxo levar a festa á rúa. Dende o principio, contou coa inestimable axuda de Noemí Pensado, hosteleira do bar O Risonsiño, quen  dende o ano pasado lle tomou o relevo na organización da que hoxe é unha festa emblemática nas Rías Baixas.

"Cada ano foi a máis, ata que o ano pasado foi un exitazo, cunha afluencia de público incrible", asegura a organizadora. Por iso, para que este ano a Festa do Jato cumpra as altas expectativas da xornada prevista para o vindeiro 25 de febreiro, Pensado xa comezou a organizar a celebración, que contará con actividades, concursos e un merchandising especial. "Todos os locais da Rúa dos Viños participan botando unha man ou sumándose á celebración", asegura. Por iso, durante as últimas xornadas o equipo jatuno mantivo reunións para repartir tarefas e organizar ata o mínimo detalle da programación, así coma a produción das pegatinas co novo logo, cartelería e camisetas que estarán dispoñibles durante a celebración.

Noemí Pensado e o equipo da festa durante as tarefas de organización. DAVID FREIRE
Noemí Pensado e o equipo da festa durante as tarefas de organización. DAVID FREIRE

Co disfraz do rato xa desempoado e fóra do almacén, os deseños listos e os premios preparados para repartir entre os disfraces que resulten gañadores, a organización afina os últimos detalles e agarda superarse nunha xornada que prevé a afluencia de centos de veciños e visitantes.

O pistoletazo de saída da festa, que contará con Isi como artista invitado, na que será a súa segunda edición animando a celebración da vila mariñeira, terá lugar a partir das 12.30 horas coa carreira popular dos Jatos atrás do Rato, dende a Lonxa de Portonovo ata o Campo de San Roque, e ao remate haberá un pasarrúas a cargo da batucada Os Queimatasas, Os Gatiños de Portonovo e Lembranzas. Nese momento, calquera persoa que se atope na Rúa dos Viños poderá xantar en calquera dos locais da asociación, que ofrecerán asado durante toda a xornada.

PREMIOS. Durante a xornada de mañá tamén se levará a cabo o Concurso de disfraces jatunos nas categorías adulto e infantil. Na primeira repartiranse catro premios en forma de experiencia doados polos locais da Asociación da Rúa dos Viños. O primeiro deles será unha estancia para dúas persoas con almorzo no Hotel Talaso Cantábrico, o segundo unha estancia tamén para dúas persoas con almorzo no Hotel Pazo do Revel, o terceiro unha sesión de spa e masaxe no Hotel Spa Galatea e o cuarto, unha cea para dúas persoas nun dos locais da Rúa dos Viños a elixir. Os mellores disfraces da categoría infantil premiaranse con clases de surf, paddle surf e acceso ao Racing Dakart de Sanxenxo, entre outras.

Durante a xornada tamén se premiarán as fotografías do II Concurso de Fotografía O Jato nas Redes, cun curso de fotografía con Ollares de Portonovo e unha cea para dúas persoas. 

Pola tarde volverá haber pasarrúas e festa en toda a rúa ata a medianoite.