Educación compromete reformas no CEIP A Florida de Sanxenxo

▶ A comunidade educativa demandoulle ao conselleiro, Román Rodríguez, a mellora urxente do pavillón e da carpintería dunhas instalacións que xa cumpriron o medio século 

▶ O Concello estuda habilitar un aparcamento de autobuses nun terreo estremeiro en Miraflores

O conselleiro, membros do Goberno local e do equipo do centro durante a visita. GONZALO GARCÍA
photo_camera O conselleiro, membros do Goberno local e do equipo do centro durante a visita. GONZALO GARCÍA

O Conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou este veneres o seu compromiso de executar reformas no CEIP Plurilingüe A Florida, que se atopa situado no centro da vila de Sanxenxo, e que conta con 240 alumnos e alumnas e máis de 50 anos de historia. Neste sentido, tal e como destacou o director do centro, Pedro Padín Solla, as necesidades máis urxentes pasan pola substitución de toda a carpintería, no que respecta ás persianas, ventás e ao aluminio en xeral, o solo, e, en grande medida, ao pavillón anexo a un dos tres edificios que forman o colexio, e que presenta un avanzado estado de deterioro no solo, teito e paredes. "Onte era impracticable e aínda hoxe hai pingueiras", sinalou o director.

O conselleiro, membros do Goberno local e do equipo do centro no pavillón. GONZALO GARCÍA
O conselleiro, membros do Goberno local e do equipo do centro no pavillón. GONZALO GARCÍA

Neste sentido, lembrou a vontade do Concello de Sanxenxo por cambiar o teito, se ben o estado actual da infraestrutura require dunha reforma integral. Deste xeito, o Conselleiro asegurou que os prazos da obra estableceranse unha vez se planifique a actuación a nivel técnico e económico, seguindo unha orde de prioridades, tras comprobar en primeira persoa as necesidades do edificio.

Pola súa banda, o Concello de Sanxenxo atópase estudando a habilitación dun aparcadoiro para autobuses nun terreo estremeiro, que actúe á súa vez como acceso ao centro pola zona de Miraflores, que se atopa moito máis achegada ao colexio que a entrada actual. "Por onde veñen agora os nenos non é un sitio moi cómodo nin para eles, nin para os pais, nin para os autobuses, e por iso estamos barallando poder abrilo cara a zona sur do colexio", co obxectivo de facilitar o acceso, asegurou Martín.

Esta actuación está sendo xestionada polo Goberno local con Augas de Galicia na actualidade xa que, para poder establecer un proxecto, cabe valorar a existencia dun regato e do bosque de carballos existente na parcela na que se pretende actuar. "Hai que facelo ben, dentro da legalidade, porque tamén é unha zona a coidar, hai un bosque de carballos que tamén hai que protexer", sinalou o alcalde.

Os cativos ofreceron unha actuación a base de panxoliñas aos visitantes. GONZALO GARCÍA
Os cativos ofreceron unha actuación a base de panxoliñas aos visitantes. GONZALO GARCÍA

INVESTIMENTO NA ZONA. As obras no CEIP A Florida son agora a prioridade en materia de centros educativos para o Goberno local, despois de que a Consellería acometera nos últimos tempos unha serie de melloras noutros centros do municipio. Neste sentido, tal e como destacaron o alcalde e o propio conselleiro de Educación, hai algo máis dun ano inaugurouse o novo colexio ubicado en O Revel, e tamén se acomeron melloras no instituto de Vilalonga e no colexio de Portonovo, en materia de eficiencia enerxética.

O conselleiro, membros do Goberno local e do equipo do centro durante a visita. GONZALO GARCÍA
O conselleiro, membros do Goberno local e do equipo do centro durante a visita. GONZALO GARCÍA

A maiores, Rodríguez quixo destacar a colaboración entre a Consellería e o Concello para sacar adiante a FP Básica dual que xa está en marcha no municipio, e que no futuro ocupará as dependencias do antigo colexio de O Cruceiro. Este ciclo, asegurou Rodríguez, "é único en Galicia, e é a liña na que temos que seguir traballando". "Se eu estou aqui co meu equipo é porque temos un compromiso con este centro educativo e imos avaliar as necesidades máis inmediatas", prometeu o conselleiro, quen tamén louvou a organización e o coidado do CEIP A Florida por parte do equipo educativo como unha "referencia".