"Dous meses despois a perda de area na praia xa non é tan mínima"

O colectivo A Carabuxeira Xa! pide "medidas reais e eficaces" para resolver o problema no areal
Estado da praia da Carabuxeira, onte. DP
photo_camera Estado da praia da Carabuxeira, onte. DP

"Hai dous meses que se rematou o aporte de area, estamos en setembro e os 2.000 metros cúbicos vanse indo xa. Dous meses despois esa perda mínima xa non é tan mínima". Así alertaron dende a Plataforma A Carabuxeira Xa! do crecente desgaste da acción do mar con respecto ao último recheo efectuado na praia da Carabuxeira e na súa veciña Lavapanos a comezos deste verán, e que, agora, dende o colectivo, miran con preocupación.

Segundo explicou a súa voceira, Elisa Castaño, "a perda de area xa é moi considerable a estas alturas, e nalgunhas zonas da praia xa volve ser moi difícil camiñar pola cantidade de pedras que se atopan, e xa non digamos tumbarse ao sol".

Dende a plataforma veciñal dirixíronse ao Concello de Sanxenxo e a Portos de Galicia para urxir medidas "reais e eficaces, e que sexan definitivas. A falta delas fan desta praia a irmá pobre do concello, ao igual que pasa con Lavapanos".

ANALÍTICAS. Dende a plataforma tamén quixeron visibilizar a súa preocupación polos resultados das primeiras e as posteriores analíticas das augas da praia da Carabuxeira, na que se tivo que desaconsellar o baño durante 15 días do pasado mes de xullo, xa que "presentaba contaminación microbiolóxica".

Neste sentido, segundo manifestaron dende o colectivo, "para obter a desexada bandeira azul non só se debe executar a segunda fase das obras, senon que tamén hai que estudar e canalizar os verquidos, dos que nas praias de A Carabuxeira e Lavapanos se atopan tres en concreto". Ademais, pediron unha maior presencia de información a nivel de cartelería no caso de que o peche ao baño se volva producir. "Supoñemos que xa se atopou a orixe e agardamos que isto non volva ocorrer", indicaron.

SOLUCIÓN INTEGRAL. Dende a plataforma chegaron a calificar o estado da praia da Carabuxeira como "desastre ecolóxico" e pediron ás administracións implicadas "unha solución integral". Así, criticaron que "os arranxos feitos á presa e correndo, e a última hora, non serven para facer da Carabuxeira unha praia de bandeira". "É unha mágoa a perda de cartos, tempo, avales e moita publicidade", manifestaron. Por este motivo, aseguraron que "non imos descansar ata que a praia volva lucir coma nos seus mellores anos, alá por 1998".

Cabe lembrar que as valoracións realizadas polos profesionais que se encargaron do recheo do areal durante os últimos meses valoráronse como "mínimas" a principios deste verán, tras un primeiro aporte de 10.000 metros cúbicos de area e un segundo aporte de mantemento doutros 2.000, e que actualmente prevese un proxecto definitivo que, coa construción dun espigón, pretende evitar o arrastre das mareas.