Dorrón rende tributo á orella con cachelos esta fin de semana na III Festa da Orella

As primeiras tapas comezarán a servirse ás 12.00 horas deste sábado, en sesión de mañá e de tarde, e ata o mediodía do domingo
A Festa da Orella nunha edición anterior. DS
photo_camera A Festa da Orella nunha edición anterior. DS

A orella con cachelos será a protagonista esta fin de semana na parroquia de Dorrón, que celebra a súa terceira edición da Festa da Orella. A cita gastronómica regresa tras o parón obrigado pola pandemia á explanada exterior da Casa de Cultura. As primeiras tapas comezarán a servirse ás 12.00 horas deste sábado, en sesión de mañá e de tarde, e ata o mediodía do domingo. O menú complétase con churrasco (10 euros), empanada (5 euros), calamares (8 euros), chourizos (2 euros) e mexillóns (5 euros). Tamén haberá bebidas variadas (viño, auga e refrescos) e tarta de mazá. 

A comisión de festas de Dorrón confía en que a cita volva ser un éxito de asistentes como nas dúas edicións anteriores. Por este motivo, tampouco faltará a música. Así, unha actuación de Soalleira inaugurará a cita e, pola noite, o Trío Azabache encargarase de amenizar a velada. O domingo, ao mediodía, Javi Solla tomará o relevo para animar a todo o recinto da festa.

Durante os dous días de festa haberá diferentes sorteos sorpresas entre os asistentesá cita gastronómica.