En Dorrón hai canteira

PEQUENAS PROMESAS DO TRADICIONAL ▶ Dende os tres ata os 13 anos, a asociación Soalleira imparte clases de baile e pandeireta a máis dunha vintena de nenos e nenas, cuxo interese pola música tradicional aumentou case o dobre en tan só un ano
O grupo de tres a oito anos que ensaia na Cultural de Dorrón durante a clase de pandeireta. RAFA FARIÑA
photo_camera O grupo de tres a oito anos que ensaia na Cultural de Dorrón durante a clase de pandeireta. RAFA FARIÑA

Non contan con máis de 13 anos, pero os cativos e cativas que acuden ás clases de pandeireta e baile galego impartidas pola asociación Soalleira de Dorrón xa interpretan e bailan xotas e muiñeiras e en moitos casos, fano coa destreza de calquera adulto. Actuar para o público é a paixón de todos eles, e tamén o obxectivo das clases que, en dúas quendas á semana, imparten as mestras entre a Cultural de Dorrón e o colexio. "Motívalles moito ir a actuar, todos os días preguntan que cando temos a próxima", asegura a presidenta da asociación, María Agís.

E é que no último ano o colectivo viu aumentar o interese pola música tradicional entre a cativada dos arredores de xeito exponencial, pasando a ter 24 alumnos e alumnas este ano, case o dobre máis que o ano pasado, de entre os tres e os 13 anos de idade. "A inscrición aumentou moito, e iso contando cos cambios de categoría", sinala Agís, quen tamén destaca que, para acceder á actividade, os nenos e nenas poden probar un mes gratis antes da inscrición definitiva.

Cativos e cativas durante o ensaio de baile. RAFA FARIÑA
Cativos e cativas durante o ensaio de baile. RAFA FARIÑA

As clases para a cativada están divididas en dous grupos con 13 alumnos e alumnas cada un. Os de tres a oito anos  ensaian os mércores na Cultural de Dorrón e, a segunda franxa de idade de ata os 13 anos, acuden aos seus ensaios os venres nas instalacións do CEIP Magaláns. "Practicamos cancións con ritmos sinxelos e ritmos tradicionais para comezar. Muiñeira, xota e agarrado, e tamén adoitamos ter unha parte de técnica. Imos combinando o baile con cancións, e a eles entusiásmalles moito", asegura a presidenta. Neste sentido, tal e como recoñece Agís, "é certo que a técnica de pandeireta non é doada de todo, pero imos aprendendo dun xeito dinámico e sinxelo para eles para que se vaian acostumando". Por iso, á hora de aprender baile e pandeireta todo é benvido. "Tamén introducimos pasodobres, rumba e por suposto, moitos xogos que lles encantan, e cos que o pasamos moi ben", engade.

E, contrariamente ao que se poida pensar, o certo é que "en moi pouco tempo, en canto aprenden o ritmo, os nenos e nenas xa son capaces de tocar e cantar á vez, avanzan moi rápido", sinala.

Clase de pandeireta. RAFA FARIÑA
Clase de pandeireta. RAFA FARIÑA

Por este motivo, cada vez máis, é moi común ver a nenos e nenas moi cativos actuando en diferentes citas no municipio que, ademais, "é o que máis os anima. Adoitamos facer actividades motivadoras e prepararnos para eventos típicos do Nadal coma o aguinaldo, por exemplo, e tamén aprendemos panxoliñas".

UN ESCAPARATE. De como foi posible espertar o interese pola música e o baile tradicional entre a cativada durante o último ano, ata o punto de incrementar notablemente as inscricións, a presidenta só atopa a resposta no regreso dos eventos públicos e, por conseguinte, das actuacións. "Especialmente durante o verán, actuamos en moitas festas e festivais, e durante todo o ano tamén facemos as nosas propias actuacións", sinala. Neste sentido, a programación cultural en torno ao municipio é unha das mellores bazas, complementadas, de xeito tan tradicional coma a esencia da propia actividade, "polo boca a boca".