A Deputación inaugura a nova oficina do ORAL en Sanxenxo, na rúa Viña da Fonte

No antigo local, situado ao carón da Casa do Concello, o ente provincial levaba recadados durante o ano 2022 padróns por un valor superior aos 10 millóns de euros
Inauguración das oficinas, este venres. DS
photo_camera Inauguración das oficinas, este venres. DS

Sanxenxo terá operativa, a partir deste mesmo luns, 7 de novembro, a súa nova oficina do ORAL no número 2 da rúa Viña da Fonte, que foi inaugurada este mesmo venres polo deputado delegado de Facenda da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font. As instalacións, que abren o servizo de recadación tributaria da Deputación, substitúen ás antigas oficinas situadas a carón da Casa Consistorial, na que o ente provincial leva recadados durante este ano 2022 padróns por un importe superior aos 10 millóns de euros, dos que a meirande parte se corresponden co IBI de natureza urbana.

A oficina tamén realiza a xestión e recadación para os concellos que delegaron competencias na comarca, principalmente Meaño e Meis, cun volume de xestión de 1,2 e 1,4 millóns de euros, respectivamente.

O novo espazo, de 117 m2, adáptase á nova imaxe das instalacións do ORAL por toda a provincia, e reúne as condicións necesarias de modernidade, comodidade e accesibilidade para unha xestión máis eficaz e cómoda dos seus servizos, tanto para o persoal (neste momento traballan na oficina de Sanxenxo tres persoas) como para as persoas usuarias. Segundo explicaron dende o ente provincial, trátase dun novo local máis luminoso e diáfano, con máis espazo libre e iluminación LED sostible, que dispón de tres mesas de atención á cidadanía, e que substitúen aos anteriores mostradores nos que a cidadanía era atendida de pé, e tamén dunha nova zona de agarda cunha pantalla con mensaxes corporativas e información tributaria.

Na oficina do ORAL en Sanxenxo aténdense anualmente arredor de 5000 consultas, tanto de persoas contribuíntes residentes na zona do Salnés como de calquera outro concello da provincia. Nela préstanse servizos de atención presencial en relación co Imposto sobre Bens Inmobles, o Imposto de Actividades Económicas e o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, así como sobre a xestión e recadación en vía voluntaria e executiva de taxas municipais. No caso do Concello de Sanxenxo, salienta a taxa de recollida de lixo.