A figura do pioneiro do cinema galego, José Gil, ponse en valor en Sanxenxo

O venres 6 e o sábado 7 de outubro o concello acollerá proxeccións, conversas e coloquios sobre o cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia
Imaxe do Cinemóbil 3 de José Gil. DS
photo_camera Imaxe do Cinemóbil 3 de José Gil. DS

A Deputación de Pontevedra leva esta fin de semana a Sanxenxo o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o venres 6 e o sábado 7 de outubro e inclúen proxeccións e conversas ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo.  

Na xornada do venres 6, o auditorio Emilia Pardo Bazán da vila acollerá pola mañá varias proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos, que poderá tamén visitar o Cinemóbil, cos 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, desde as 20.00 ás 21.30 horas e tamén no auditorio, pasaranse de novo os filmes, esta vez cunha exhibición aberta ao público xeral.  Pola súa banda o sábado, 7 de outubro, a programación arrancará ás 10.00 horas na Praza dos Barcos de Sanxenxo, onde estará instalado o Cinemóbil e onde Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto,  a biografía sobre Gil coa que gañou o Premio Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023. Posteriormente, a partir das 13.00 horas haberá unha sesión vermú amenizada pola Sociedade Musical de Sanxenxo. 

O proxecto multidisciplinar José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e por en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas, Mondariz, O Grove, Poio, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas e Pontecesures. Despois de Lalín, continuará en Sanxenxo, Pontevedra, Tui, Vigo, Covelo, Moaña, Salvaterra, Marín e Vilagarcía.

José Gil e Sanxenxo

A principios do século XX Sanxenxo só era unha pequena vila mariñeira de paso obrigatorio para chegar ao Grove ou ao Balneario da Toxa, un itinerario habitual de José Gil. De feito, na vila tomou imaxes da praia de Silgar que forman parte de varios dos seus filmes, como Pontevedra y sus paisajes (1b924) e Pontevedra (1934). É probable, ademais, que os filmes de José Gil foran proxectados no salón cinematográfico da Terraza de Sanxenxo ou no Salón Cine de Vilalonga e sábese que o Cinemóvil-Reclame Nº2 visitou Sanxenxo o 31 de outubro de 1929 cun gran éxito popular.