Reportaxe

Unha década dende o obxectivo

PORTONOVO NA FOTOGRAFÍA ▶ A asociación Ollares de Portonovo pasou de ser un grupo de seis amigos a mais de 70 socios e socias no intervalo de 10 anos nos que, a golpe de flash, deixaron a súa pegada na vida dunha vila que viron medrar e evolucionar, e que todos levan no corazón
Varios membros de Ollares de Portonovo no local da asociación. LUIS DOBARRO/OLLARES
photo_camera Varios membros de Ollares de Portonovo no local da asociación. LUIS DOBARRO/OLLARES

Comezaron sendo seis amigos e, 10 anos despois, suman máis de 70 fotógrafos e aficionados á fotografía que comparten unha paixón común: Portonovo. Aínda que a vila mariñeira é, hoxe en día, a ‘matria’ de menos da metade dos socios de Ollares, está sempre presente no ADN da asociación fotográfica que a viu evolucionar ao longo dos anos a golpe de flash.

"Eu son un apaixoado de Portonovo. Pode que non sexa o pobo máis bonito do mundo, pero eu lévoo dentro", conta o presidente da asociación, Luis Dobarro. Para el, a última década a través do obxectivo baseouse, ante todo, na migración do "fervedoiro de xente que era antes a rúa da Marina, onde había unha farmacia, unha droguería, e moitos negocios locais. Pouco a pouco a xente foi marchando para a estrada da Lanzada, e o centro do pobo quedou baleiro", di. Os seus disparos a través da cámara dan conta tamén da evolución das edificacións. "Mudar o peixe polo turismo é o que fai. Agora hai moitos máis hoteis, e os edificios son máis altos", conta.

Instantánea de Portonovo con 10 anos de diferencia. Arriba, en 2012 e abaixo, en 2022. LUIS DOBARRO
Instantánea de Portonovo con 10 anos de diferencia. Arriba, en 2012 e abaixo, en 2022. LUIS DOBARRO

Pero, se algo soubo conservar a través da fotografía, foi a fermosura da paisaxe. "Portonovo é moi fotografiable. Para os fotógrafos aos que nos gusta a paisaxe, este tipo de fotografía ten moitos segredos, non é só darlle ao botón. A xente que ten a sensibilidade de colocar ben os elementos ten a foto, e iso é o que facemos con Portonovo. Hai fotografías da vila que poden ser máis bonitas que a realidade do día a día pero, para nós, Portonovo é unha marabilla", asegura.

Entre os lugares favoritos da asociación para inmortalizar as estampas da vila mariñeira atópanse a praia de Baltar, coñecida como praia de Portonovo, Caneliñas, Canelas e, por riba de todo, Punta Vicaño. "É dende onde mellor se ve Portonovo, un dos mellores lugares para fotografiar o pobo", afirma Dobarro.

MÁIS QUE UN COLECTIVO. Se algo hai que destacar dos 10 anos de vida de Ollares de Portonovo, é a súa incansable entrega por e para o pobo. A súa traxectoria colaborativa comezou alá polo ano 2012, na que foi a primeira exposición na que participou o grupo de amigos que, máis tarde, en 2015, acabaría constituíndo formalmente a asociación. "Fora unha exposición dentro dunhas actividades dun colectivo de artesáns. Eramos uns poucos amigos e daquela conseguimos que nos viñera de padriño Xurxo Lobato. Cada ano fomos tendo un padriño diferente, pero aquilo foi moi importante para nós", lembra Dobarro.

Os membros da asociación durante unha saída. L.D./OLLARES
Os membros da asociación durante unha saída. L.D./OLLARES

E, dende entón, a actividade non fixo máis que proliferar. A pegada de Ollares de Portonovo aparece hoxe en día nos carteis informativos dos miradoiros do concello, nas fotografías que o Concello de Sanxenxo leva a Fitur cada ano, nos trípticos das oficinas de Turismo ou en calquera mostra visual do patrimonio municipal.

Como non podía ser doutro xeito, a súa man tamén estivo tendida dende sempre aos colectivos da zona, colaborando co Club de Piragüismo nas citas deportivas ou na Festa da Empanada; coa Rúa dos Viños nas Festas do Jato; ou no último campionato deportivo de tenis do club local. Ademais, Ollares atópase elaborando un arquivo histórico coa recollida de fotografías antigas de Portonovo.

DE TODAS PARTES. Luis Chouza, Damián Castro, José Jesús Sabarís, Emilio Rico e o propio Luis Dobarro son os cinco membros fundadores que aínda continúan ao pé do cañón nun colectivo cuxa directiva segue sendo a mesma dende a súa fundación, amparada por socios e socias chegados dende a propia vila, Sanxenxo, Pontevedra, Ribadumia, Cuntis, Marín ou Vigo, entre os que destaca a paridade ao 50% de inscricións de socios e sociais. Precisamente, conta Dobarro, "a progresiva incorporación da mirada feminina na asociación nos últimos tempos axudounos a abrirnos a outras disciplinas coma o retrato".

Ollares durante unha celebración. L.D./OLLARES
Ollares durante unha celebración. L.D./OLLARES

E, para que todo funcione, a actividade non pode decaer. Por este motivo, os venres de Café Fotográfico en alternancia cos cursos de Photoshop, as masterclass con convidados profesionais externos, xunto coas quedadas fotográficas, os cursos de iniciación, "que son os que máis nos axudan a medrar" e as saídas semanais e mensuais a diferentes lugares de Galicia, son as ‘conditio sine qua non’ dun colectivo en perpetuo movemento.