Cunchas para manter vivo o Nadal

Dende que se xubilou hai cinco anos, Isidoro Domínguez adica os seus longos paseos pola praia a recoller cunchas, un hábito que dende hai uns meses comezou a intensificar co propósito de crear un Belén íntegramente mariñeiro e artesanal, que este ano estrea na súa casa de Portonovo
Isidoro Domínguez, creador do Belén de cunchas, xunto á súa obra na súa casa de Portonovo. RAFA FARIÑA
photo_camera Isidoro Domínguez, creador do Belén de cunchas, xunto á súa obra na súa casa de Portonovo. RAFA FARIÑA

O belén sempre foi unha tradición imprescindible na casa de Isidoro Domínguez Casal para festexar o Nadal, en Portonovo. "Máis grandes ou máis pequenos, pero sempre fixen Belén. Levo 50 anos casado, e sempre houbo Belén na casa. Aos rapaces failles ilusión e mantivemos a tradición", conta.

Aos seus 70 anos, e xubilado como albanel e autónomo dunha pequena empresa dende hai cinco, non deixa pasar un Nadal sen montar o Nacemento que lle trae lembranzas de tempos pasados, da infancia dos seus fillos, e que, á vez, para el é toda unha ferramenta de entretemento e relaxación que cada ano vai compoñendo pouco a pouco, con agarimo, ledicia e tamén innovación.

Precisamente, as ganas de manter viva a súa particular tradición, así coma os seus longos paseos pola praia desde que se xubilou, foron os que inspiraron a nova creación coa que este Nadal sorprendeu a toda a familia. Así, hai un ano que comezou a recoller cunchas intensivamente, cun propósito fixado: crear un novo Belén artesanal e feito íntegramente de cunchas. "Estiven un ano recolléndoas e buscando as que tiveran formas que se adaptaran mellor para facer as figuras. Segundo ía recollendo, ía facendo", explica, ata que a comezos deste Nadal puido estrear a súa creación no fogar familiar.

O Nacemento de Isidoro Domínguez, que ocupa parte da entrada da súa casa cunhas proporcións de aproximadamente 1,80 por 1 metro de extensión conta, ademais, con todo tipo de detalles. O Portal de Belén cos seus protagonistas feitos de cunchas, os pastores e Reis Magos de iguais características xunto con cadanseu camelo, ademais de árbores, adornos e todo tipo de detalles, compoñen unha curiosa paisaxe completada por un río e un lavadoiro, entre outros elementos, coroados por unha rede mariñeira na que non puido faltar a tradicional estrela fugaz.

Cunchas de diferentes formas, tamaños e cores, e por suposto as luces de Nadal, forman así unha creación na que Isidoro puxo todo o seu empeño, paciencia e dedicación e que estas festas enorgullece a toda a familia, que presume da composición sen dubidar.

No que respecta ao desfrute do Belén por parte da veciñanza, o seu creador non pecha posibilidades e móstrase aberto a ensinalo: "Xa viñeron a velo uns sobriños e a familia", explica, convidando a calquera curioso que queira acudir a coñecelo.

SEGUIR INNOVANDO. Unha vez comprobado o éxito do seu innovador Nacemento entre familiares e achegados, Isidoro non pensa deterse e, a pesar do moito que traballou confeccionando as figuras que adornan a composición este Nadal, xa está pensando no do vindeiro ano que, aventura moi animado, quizais elabore a base de pedras de diferentes formas.

Se ben haberá que agardar aínda un ano para poder coñecer a seguinte creación deste portonovés, o que está claro é que o seu esforzo e ilusión conseguiu xa contaxiar aos seus achegados o espírito do Nadal e o valor das accións sinxelas.