A confraría de Portonovo prevé un aforro de ata un 60% cos novos paneis solares

▶ Estímase que as placas, que xa se comezaron a instalar na cuberta da lonxa co obxectivo de abastecer parcialmente á fábrica de xeo, poderán entrar en funcionamento o vindeiro mes
Vista da cuberta da lonxa de Portonovo coas novas placas solares xa instaladas. DS
photo_camera Vista da cuberta da lonxa de Portonovo coas novas placas solares xa instaladas. DS

Entre un 50% e un 60% é o aforro enerxético que a Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo estima acadar coa instalación de máis de 180 placas fotovoltaicas, despois de que o pico de gasto en electricidade durante os últimos meses chegara a triplicar ao ano anterior. "No mes de xullo tivemos un gasto de 9.000 euros en luz. O ano pasado gastamos 3.000 euros e xa foi bastante, pero isto é unha esaxeración", valora o patrón maior, Juan José Besada.

Os paneis solares, que xa se comezaron a instalar na cuberta da lonxa, uniranse aos que actualmente xa abastecen á cantina, se ben estas novas placas destinaranse "a alimentar a fábrica de xeo, que é o que mais consume". Deste xeito, dende a confraría estiman que a instalación ao completo poderá comezar a funcionar o vindeiro mes, conseguindo unha notable redución do consumo, se ben o funcionamento da fábrica de xeo excede con moito o rendemento das placas. "A máquina funciona todo o tempo, mentres que as placas pola noite non son operativas", sinala o patrón maior, quen destacou que este sistema só está permitido "para o autoconsumo e, por moito xeo que vendamos, nós non gañamos cartos con isto. Simplemente é un servizo necesario porque a lonxa precísao para poder funcionar".

A decisión de abastecer á fábrica de xeo parcialmente mediante paneis solares tomouse hai xa varios anos, se ben o proceso para completar a obra supuxo diferentes trámites que o dilataron no tempo. "Tomamos a decisión a raíz dunha factura de agosto de 6.000 euros, e coa subida da luz non nos quedou mais remedio", sinala o patrón maior, quen tamén lembrou que "as placas pedíronse hai tres anos, pero estes procedementos son lentos e nunca se sabe".

A actuación levouse a cabo mediante unha subvención da Consellería do Mar por un importe de 65.000 euros resolta o pasado mes de xullo, dentro do programa do FEMP de fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector da pesca con inclusión da pesca costeira artesanal, e mellora das condicións de seguridade e traballo dos portos pesqueiros, lugares desembarco, lonxas e ancoradoiros.

Juan José Besada:
"Gustaríame rematar proxectos así como patrón"
O actual patrón maior da confraría, Juan José Besada, expresou a súa vontade de continuar no cargo de cara as vindeiras eleccións que servirán para designar as xuntas xerais, coa posterior elección dos patróns maiores das confrarías da ría. "Gustaríame rematar proxectos coma o dos paneis solares como patrón maior. Hai moitas cousas nas que investimos moito traballo e que me gustaría rematar a min", explicou.

Neste sentido, Besada presténtase á xunta directiva, así coma o 90% dos actuais membros, polo que estima que o resultado de cara ás eleccións debería ser semellante ao actual.

Cabe lembrar que o pasado marzo de 2021 deuse por finalizado o proceso mediante o que catro membros da xunta xeral da confraría dimitiran para forzar eleccións, e no que Juan José Besada saiu reforzado. Agora, e tras completar a lexislatura natural, Besada postúlase a continuar no posto, tendo en conta a minoría dos membros contrarios.