O Concurso de Música Tradicional Soalleira consolídase na súa V edición

▶ O certame a nivel galego, que se adianta co gallo das eleccións, celebrarase o vindeiro 7 de maio e repartirá 3.500 euros en premios
A cita no Auditorio Emilia Pardo Bazán durante a edición de 2022. DS
photo_camera A cita no Auditorio Emilia Pardo Bazán durante a edición de 2022. DS

O Concurso de Música Tradicional Soalleira regresa a Sanxenxo para quedar. Tras superar a pandemia, na que as datas de celebración e o formato tiveron que sufrir algúns cambios, e mesmo todo o ano 2020 de parón, a V edición do certame a nivel galego, que terá lugar o vindeiro 7 de maio no Auditorio Emilia Pardo Bazán, agarda ser a máis exitosa de toda a súa traxectoria, e repartirá 3.500 euros en premios.

"O ano pasado puidemos celebralo case con total normalidade, e este ano teremos unha normalidade absoluta", asegurou a presidenta da asociación organizadora Soalleira, María Agís, quen destacou que, froito da experiencia acumulada durante os últimos anos, "esta V edición irá rodada. Intentamos mellorar cada ano, organizando isto con moito cariño e dedicación", explicou. Neste sentido, as primeiras edicións tiveron lugar en 2018 e 2019 ata o parón da pandemia en 2020. A cita puido recuperarse finalmente en 2021 e 2022 en datas próximas debido á situación sanitaria e este 2023 consolídase definitivamente na súa época tradicional.

Cabe lembrar que a data oficial do concurso cae por norma no segundo domingo do mes de maio se ben, tal e como explicou Agís, nesta ocasión adiántase unha semana a causa da cercanía coas eleccións municipais, e ao coincidir tamén co certame de música tradicional de Xacarandaina en A Coruña, ao que a agrupación Soalleira, ao igual que moitas outras a nivel galego, ten pensado asistir.

Para a celebración da V edición do certame, a asociación conta con, alomenos, acadar a participación da pasada edición, á que asistiron un total de 40 agrupacións. Neste sentido, a vindeira semana o colectivo remitirá as bases do concurso vía correo electrónico ás agrupacións que, para participar, poden enviar a súa inscrición ao mail [email protected] ou contactar con calquera membro de Soalleira. De feito, a asociación adiantou o anuncio da data da celebración a través das súas redes sociais debido á alta expectación xerada no entorno da música tradicional galega con respecto á cita. "Moita xente comezou a preguntar pola data deste ano e, a pesar de que a inscrición non está aberta oficialmente aínda, decidimos comunicar a data para que a poidan ir gardando", explicou a presidenta.

PREMIOS E CATEGORÍAS. O certame está aberto á participación de asociacións folclóricas, culturais, xuvenís, de veciños ou ANPAS sen ánimo de lucro e conta, como nas pasadas edicións, con catro categorías. A categoría A (ata 10 anos) e a categoría B (de 11 a 13 anos) optarán a un primeiro, segundo e terceiro premio valorados en 300, 200 e 100 euros, respectivamente, mentres que a categoría C, na que poderán participar aquelas agrupacións con idades entre os 14 e os 17 anos, repartirá 400 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, a categoría D (maiores de 18 anos), terá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 200 euros. A maiores, haberá dous accésits de vestuario valorados en 100 euros.