Citas a 15 días vista e retraso nos cribados: Sanxenxo acolle este mércores novas protestas

As manifestacións terán lugar de xeito simultáneo nos centros de saúde de Vilalonga e Baltar a partir das 19.30 horas
Manifestación pola sanidade fronte ao centro de saúde de Baltar. DS/ARQUIVO
photo_camera Manifestación pola sanidade fronte ao centro de saúde de Baltar. DS/ARQUIVO

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo levará a cabo este mércores dúas manifestacións simultáneas na contorna dos centros de saúde de Vilalonga e Baltar, a partir das 19.30, na que está convocado o sector profesional e social afectado pola situación da sanidade no municipio.

Ademais de mostrar o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular pola Atención Primaria, o colectivo pretende visibilizar con esta acción a "enorme mostra de descontento co estado da sanidade pública galega" que, no caso do municipio, está a supoñer agardas para consulta e receitas a 15 días vista no centro de saúde de Baltar, así como un "retraso de meses nas campañas de cribado para o cancro de cérvix". Segundo explicaron dende a plataforma, "é imposible, a día de hoxe, coller cita para consulta da matrona, e tarda máis de 10 días para o caso de primeira consulta por embarazo". En canto a pediatras, sinalaron, "seguimos con prazas sen cubrir, igual que as ausencias do resto de persoal, cuxos pacientes son derivados a maiores ao resto". Neste sentiro, no centro de saúde de Vilalonga "tamén seguen sen cubrirse as ausencias de persoal, tendo quedado o centro sen facultativos". 

O "retraso acumulado nas citas a especialistas e probas, con consultas preferentes atendidas a tres meses vista, e outras como as de revisión postquirúrxica ou reumatoloxía sen cita máis de seis meses por non cubrir vacantes" únense ás queixas.