Cinco embarcacións tradicionais de Portonovo forman parte do censo de patrimonio cultural

A Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo ven de anunciar a inclusión de cinco das súas embarcacións tradicionais no Inventario de Embarcacións Tradicionais e Barcos Históricos de Galicia, integrado no Censo de Patrimonio Cultural de Galicia
Amigos da Dorna Portonovo. CEDIDA
photo_camera Una de las embarcaciones de la Asociación. CEDIDA

A Asociación da Dorna de Portonovo está de noraboa, pois cinco das súas embarcacións tradicionais foron incluídas no censo de patrimonio cultural de Galicia. O rexistro destas embarcacións singulares foi inaugurado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en xullo deste ano e dende hai uns días inclúe, entre os 50 barcos xa inscritos, a dorna nai Surfeira, a dorna xeiteira Jatiña, a dorna de media construción Praia da Panadeira e as dornas polbeiras Bicoca e Coninha, todas elas con base en Portonovo.

A solicitude foi cursada polos Amigos da Dorna e agardan que este recoñecemento oficial sirva como base para que dende as administracións se promovan outras medidas encamiñadas a facilitar a súa conservación e socialización.

De feito, usando como argumento o valor patrimonial agora recoñecido de xeito oficial pola Xunta de Galicia, dende a directiva da asociación xa están traballando para reclamar melloras no relativo aos amarres para os barcos, cuestión na cal afirman que sufriron un retroceso notable nos últimos anos, e tamén para acadar un local no cal poidan realizar os traballos de mantemento, entre outras actividades culturais.

Dende Amigos da Dorna queren seguir apostando pola recuperación e uso das embarcacións tradicionais de Portonovo e con elas brindar a oportunidade a toda a sociedade de desfrutar dun ben patrimonial aínda vivo, que é respeituoso co entorno e tamén saudable, tal e como os dorneiros recalcan.