O ciclo teatral da Deputación chega a Sanxenxo con ‘Ris Ras’ esta fin de semana

O vestíbulo do Pazo Emilia Pardo Bazán acolle tamén, desde os últimos días, unha exposición de pintura 
Exterior del Pazo Emilia Pardo Bazán, que acogerá la formación. DS
photo_camera Exterior do Pazo Emilia Pardo Bazán. DS

O Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo acollerá este sábado, 9 de decembro, a función da compañía Baobab, que porá en escea a peza Ris Ras, no marco do ciclo Tornar ás táboas, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. Está previsto que a  función dea comezo ás 17.30 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.

O espectáculo de Baobab inclúe música, xogos, enredos e historias tradicionais da man dun trasno que nace do amor entre Catalina e Lorenzo (a Lúa e o Sol). Dirixido a un público infantil e familiar, ten como obxectivo a posta en valor da lingua galega, así como afondar nos ditos populares, refráns, poemas, leas e enredos menos coñecidos para transmitilos aos máis pequenos dun xeito ameno e divertido.

Co ciclo teatral ‘Tornar ás Táboas’, a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais de mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa 30 compañías de teatro galegas.

EXPOSICIÓN. O vestíbulo do Pazo Emilia Pardo Bazán acolle tamén, desde os últimos días, unha exposición de pintura ao óleo e acrílico sobre lenzo da alumna do grupo de adultos de Arte Manuela Martínez, quen posúe unha dilatada experiencia e conta cun gran volume de obra.