CC OO acada a maioría no Concello de Sanxenxo e pide "a estabilidade de todo o plantel"

Despois das eleccións sindicais no O.A. Terra de Sanxenxo, o sindicato busca "correxir os desequilibrios retributivos existentes na actualidade entre o persoal con idénticas categorías profesionais"
Fachada del Concello de Sanxenxo.  JOSÉ LUÍZ OUBIÑA
photo_camera Fachada do Concello de Sanxenxo. JOSÉ LUÍZ OUBIÑA

Comisiones Obreras (CC OO) vén de acadar a maioría absoluta nas eleccións sindicais do Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo, no que se elixía un Comité de Empresa de nove membros, tras o remate dos procesos electorais do persoal do Concello de Sanxenxo, onde con anterioridade se elexiran tres delegados do persoal funcionarios e o Comité de Empresa do persoal laboral, tamén de nove membros, ata un total de 21 representantes electos.

No que respecta ao O.A. Terra de Sanxenxo, correspondía elixir catro representantes polo Colexio de Técnicos e cinco polo de Especialistas. No caso dos Técnicos foron elexidos dous representantes de CC.OO. e dous da CIG, e en Especialistas, tres de CC.OO. e dous da CIG, polo que o resultado foi de cinco representantes de CC.OO. e catro da CIG. Globalmente, dos 21 representantes elexidos, 11 corresponden a CC.OO., cinco a CIG, tres a CSIF e dous independentes, co que CC.OO. consigue maioría absoluta na Mesa Xeral de Negociación, que agrupa ao persoal funcionario, laboral do concello e laboral do O.A. Terra de Sanxenxo.

Tal e como explicaron dende o sindicato, CC OO comprometeuse cos traballadores e traballadoras do Concello "a conseguir a estabilidade de todo o plantel e a correxir os desequilibrios retributivos existentes na actualidade entre o persoal con idénticas categorías profesionais, sen ningún tipo de xustificación obxetiva" e, para isto, "impulsar a negociación dunha Relación de Postos de Traballo ou instrumento similar, tal e como obriga o Estatuto do Empregado Público e a Lei de Emprego Público de Galicia", manifestaron.