Carne de poldro 100% raza autóctona no Obradoiro de Hostalería do Salnés

Imaxe da degustación de carne de poldro celebrado no Obradoiro de Hostalería do Salnés. DS
Hosteleiros da zona puideron desfrutar este mércores coa degustación de varios pratos con esta materia prima

O Obradoiro de Hostalería do Salnés XV, promovido pola Mancomunidade do Salnés e subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, celebrou este mércores unha xornada de exaltación da carne de poldro galego 100% raza autóctona.

Nesta ocasión, o obradoiro contou coa participación de PURAGA (Asociación de criadores do cabalo de Pura Raza Galega), nun evento financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Como parte da súa labor de promoción nas escolas de hostalería e centros gastronómicos, Laura Peteiro , veterinaria de PURAGA, ofreceu unha charla explicando as características da raza, o seu sistema de cría tradicional e sostible, a súa alimentación. Destacou as propiedades e o sabor desta carne única. Deste xeito, os asistentes tiveron a oportunidade de experimentar de primeira man a calidade incomparable de esta carne da man de Rocío Garrido, creadora do blog La Cocina de mi abuelo, foi a encargada de  elaborar diferentes receitas coa carne deste animal: steak tartar, goulash e tiras de poldro salteadas con pementos e cebola. 

A xornada finalizou coa degustación por parte de todas as persoas participantes das distintas elaboracións cociñadas no showcooking.

O evento, que contou coa participación de hostaleiros da zona, serviu como un encontro enriquecedor onde se intercambiaron ideas e se exploraron novas formas de incorporar a carne de poldro autóctona na oferta gastronómica local.