Unha campaña contra as adicións para concienciar á xuventude durante o ocio nocturno en Sanxenxo

As accións realizaranse de maneira itinerante facendo unha ruta por distintas zonas de marcha ou mesmo na entrada e saída dos concertos ou festivais coincidindo coas datas de Semana Santa
Ocio nocturno en Sanxenxo. RAFA FARIÑA/ARQUIVO
photo_camera Ocio nocturno en Sanxenxo. RAFA FARIÑA/ARQUIVO

Unha actividade tipo Trivial, un xogo de preguntas a través da plataforma Kahoot para verificar a información sobre o consumo de substancias psicoactivas e desterrar falsos mitos, e diferentes enquisas anónimas para recabar datos estadísticos sobre o consumo de sustancias entre a mocidade, distribución de flyers con información sobre diferentes drogas e ‘merchandising’ son as diferentes ferramentas que se porán en práctica entre e a mocidade no ocio nocturno de Sanxenxo este venres e este sábado, a través do programa ‘#Aquexogas?’, promovido pola Consellería de Sanidade.

As accións realizaranse de maneira itinerante facendo unha ruta por distintas zonas de marcha ou mesmo na entrada e saída dos concertos ou festivais coincidindo coas datas de Semana Santa, entre as 22.00 e a 2.00 horas da madrugada, para poder achegar a información a un amplo número de xente nova.

O obxectivo, precisamente, é ofrecer un punto de información á mocidade, incidindo sobre a prevención de condutas adictivas no lecer nocturno. Na intervención realizaranse diferentes dinámicas en torno a dous eixos fundamentais, que teñen como finalidade a de evitar e reducir o inicio e a consolidación do consumo de sustancias psicoactivas e o impacto das consecuencias e problemáticas que este consumo produce na poboación xuvenil. Así, baixo o nome de ‘Ola, propóñoche un reto!’ ou coa premisa de Antes de consumir, asegúrate do que non sabes, o programa, que xa se desenvolveu no municipio en anteriores ocasións, cunha linguaxe amena e nos espazos máis achegados á xuventude, pretende ser unha guía informativa e tamén unha advertencia no eido destas dinámicas en espazos de lecer.

Ao remate do programa, o ente autonómico extraerá unhas conclusións comúns sobre o consumo de substancias no conxunto do territorio galego.