Cabra, jatos, parodias e o gran desfile para despedir o Entroido en Sanxenxo

▶ Noalla estrea o Enterro do Cormorán este sábado con música, bolos preñados e incineración
Despois de que o desfile infantil se celebrara a pasada fin de semana, este domingo será a quenda do desfile de adultos. DS
photo_camera Despois de que o desfile infantil se celebrara a pasada fin de semana, este domingo será a quenda do desfile de adultos. DS

O municipio de Sanxenxo vén de entrar na recta final, da súa programación de Entroido, que concentra a maior intensidade de actividades e que se alongará ata este domingo. Tras o Enterro da Sardiña, que tivo lugar este mércores en Portonovo, o municipio continuará incinerando personaxes emblemáticas durante as xornadas deste venrese do sábado. O tradicional Enterro da Cabra, en Vilalonga, será este venres ás 21.00 horas, despois de que a comitiva fúnebre parta dende o pavillón do instituto, pasando pola Salgueira, Arnosa, Rouxique, Lagarei e volta ao pavillón. Tras a incineración haberá uns petiscos amenizados coa música de Javi Solla

Ao remate, as celebracións trasladaranse á zona portuaria de Portonovo, que acollerá a partir das 22.00 horas o espectáculo de parodias con actuacións humorísticas da veciñanza, conducido por Cristina Maró, e no que se repartirán tres vales entre as mellores interpretacións para gastar en locais de restauración de Portonovo de 200, 100 e 50 euros.

Este sábado 25, será a quenda da agardada Festa do Jato de Portonovo, que encherá de diversión durante todo o día a Rúa dos Viños. Tal e como xa se avanzara, o humorista Isi será o convidado  especial da celebración dunha cita que comezará coa carreira de ‘Os jatos atrás do rato, ás 12.00 horas na rotonda da lonxa, e concluirá no campo de San Roque con medallas para todos os participantes. Tamén haberá pasarrúas, música, obradoiros e racións de churrasco coas consumicións.

O mesmo día, a partir das 20.00 horas, Noalla estreará evento de Entroido co Enterro do Cormorán, a cargo da ANPA de O Telleiro, coa participación de A Esmorga Asociación Xuvenil e a Comunidade de Montes. O enterro será ás 20.00 horas tras un velatorio que se fará no colexio de O Telleiro. Tras a incineración, que terá lugar no exterior da Casa Forestal de As Canteiras, haberá música e repartiranse bolos preñados.

O domingo 26 poñerase o broche de ouro ao Entroido co Desfile de Adultos a partir das 16.30 horas no que se repartirán 10.250 euros en 18 premios en seis categorías. As inscricións poden facerse no teléfono 986 727 936 ou o mesmo día no Club de Xubilados de Sanxenxo.