Bruxas, espíritos e diaños ateigan a Rúa dos Viños de Portonovo no seu día grande do Samaín

A Asociación da Rúa dos viños celebrou o seu tradicional concurso de disfraces e unha edición máis do seu obradoiro de cociña terrorífica
Participantes no obradoiro de cociña monstruosa no bar Lolitas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Participantes no obradoiro de cociña monstruosa no bar Lolitas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Monstruosas si, pero con moito, moito chocolate. Así resultaron as creacións do obradoiro de cociña con temática do Samaín que tivo lugar durante a tarde deste luns na Rúa dos Viños de Portonovo, dirixido aos máis pequenos da casa, que ateigaron o popular enclave hosteleiro da vila de disfraces e brincadeiras no seu día grande de programación, que xa deu comezo o pasado sábado e que continuará ata este martes, 1 de novembro.

Ambiente na Rúa dos Viños. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Ambiente na Rúa dos Viños. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Bruxas, espíritos e pequenos diaños percorreron os locais para visitar a exposición de cabazas decoradas que a Asociación da Rúa dos Viños, organizadora da cita, recolleu durante os últimos días, e para recibir as súas doses de larpeiradas durante o Truco ou trato, outra das actividades enmarcadas no programa festivo, que tamén contou cun obradoiro de manualidades e, como cada ano, co popular concurso de disfraces para as categorías infantil e adulta, que repartiu diferentes premios entre os gañadores e gañadoras.

Merenda de Samaín para a cativada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Merenda de Samaín para a cativada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Ademais, os locais da asociación, que este ano conseguiu recuperar a súa cita máis sinalada no calendario outonal, dispoñen dun menú de comidas e ceas especiais coa temática do Samaín, así como packs de merenda terroríficos para os comensais que se acheguen durante estas xornadas ao lugar. A decoración a pé de rúa, con lápidas, pantasmas pendurados das árbores, bolsas do lixo radioactivas e comensais esqueléticos agardando as súas racións convertéronse, un ano máis, en todo un parque temático para a cativada que, despois da pandemia, puido volver gozar dun Samaín portonovés por todo o alto.

Decoración de Samaín na Rúa dos Viños. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Decoración de Samaín na Rúa dos Viños. JOSÉ LUIZ OUBIÑA